2º descenso urbanístico de A Coruña

O pasado venres 5 de Xuño participamos no 2º descenso urbanístico, un paseo comentado e organizado dende o grupo de investigación Galicia Cidade e Territorio, da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña.

descenso_urbanistico_2015

A xornada versou sobre as “urbanidades infraestructurais”,

Andivemos pola periferia máis inmediata de A Coruña atravesando as novas urbanidades xeradas polos produtos da modernidade: grandes infraestruturas viarias que serven á área metropolitana e producen nodos de escala monumental, canteiras en funcionamento e outras tomadas por novos ecosistemas, montes “tradicionais” de pistas, eucaliptos e fentos atravesados por cortalumes de escala bulevar e liñas de alta tensión, polígonos industriais planificados e informais, núcleos de orixe preindustrial transformados polas dinámicas urbanas, depósitos arqueolóxicos clausurados ao público casual, áreas de hortas urbanas autoxestionadas, polígonos residenciais illados, estradas-rúa derivadas das formas de urbanización básicas en Galicia, asentamentos precarios, encoros de uso industrial, etc.

Durante o percorrido atopamos e experimentamos moitos lugares/non lugares, que sorprendían pola súa escala ou dimensión, polas transicións e actividades humanas que suceden neles, polo feito de terse adaptado a procesos industriais, ou polo feito de estar “esquecidos” e aparecer con novos usos ou posibilidades.

Como exemplos concretos podemos falar das “hortas na cidade dos barrios” un proxecto de hortas periurbanas desenvolvido dende unha asociación cun orzamento duns 3.000€ , xurdido ao tempo dun proxecto similar plantexado dende o Concello na pasada lexislatura, cun coste aproximado duns 200/300 mil € e con alugueres de 300€ por horta.

Outro exemplo sería un espazo común xerado a partires dunha intervención moi agresiva, unha plaza casual que quedou sobre a Terceira Ronda, que rompeu o núcleo de “As Rañas” pola metade, deixando unha tipoloxía que ademais se replica noutras partes da cidade.

O feito de estar alí falando sobre estes espazos abriu moitas posibilidades de repensar os comúns da cidade, os seus espazos e marxes, e de comprender as súas dinámicas.

Desenvolvéronse os relatorios de Antón Fernández de Rota (investigador, sociólogo e doutor en antropoloxía cultural) e de Montenoso.

Iñaki e Vanesa do Equipo Norte Montenoso presentamos o proxecto e explicamos os tipos de montes segundo a súa propiedade, as particularidades dos Montes Veciñais en Man Común e das súas comunidades. Fixemos un percorrido pola historia deste tipo de propiedade tan común na Galicia. Falamos de como traballamos dende o proxecto para visibilizar e dinamizar estas comunidades, tratando de empoderalas, e de como aprendemos desta realidade para transferila a outros eidos.

A charla foi nun enclave similar a unha especie de castro situado preto dun cortalumes no monte da Fieiteira.
IMG_4384 MONTENOSO

IMG_4392 MONTENOSO

Máis imaxes da xornada:

 

Escribe un comentario

Your email address will not be published.