A soidade ante a administración

Plano do Monte Veciñal en Man Común

Unha comunidade constituída hai pouco, no 2007. Ate entón estaba en mans da administración por mor dos convenios feitos co ICONA hai xa moitos anos. O Concello fora o intermediario na xestión da propiedade veciñal por parte da Xunta, ate que un pequeno grupo de veciños decidiran recuperar o monte veciñal e solicitar ao xurado de clasificación de montes veciñais en man común a inclusión do seu Monte, o Monte Grande, como tal. Este monte abrangue as parroquias de Torres e Vilamateo, ámbalas dúas pertencentes ao Concello de Vilarmaior, na Coruña.

Os bares ademais de ser pequenos negocios son tamén espacios de reunión e socialización, máis se cabe no caso do Menguxo, bar que para moitos podería estar localizado no medio de ningures, pero que en realidade está no medio de todo. Alí xúntanse as veciñas e os veciños da zona e sábese que para atopar a alguén, unha das mellores opcións vai ser acudir alí. Esa foi a nosa idea, ir ata o Menguxo e preguntar sobre o Monte Veciñal en Man Común de Torres e Vilarmateo, e ver se atopabamos a algún comuneiro co que poder conversar arredor desta forma de pensar, facer e vivir o común.

E sí, houbo sorte. Alí atopamos varias veciñas coas que mantivemos unha conversa arredor do monte, e puidemos ir coñecendo certas chaves deste monte veciñal en man común.

Xa pola tarde atopámonos co presidente da Comunidade, Suso, co que estivemos falando un bo anaco do pasado, do presente e do futuro do monte veciñal en mancomún e por extensión, dese micromundo que en parte explica o medio rural galego.

Suso comezou explicándonos como grazas ao Catastro do marqués de Ensenada e á existencia doutros documentos pudieron demostrar a existencia do monte comunal, e de como este se viña explotando e usando de vello por parte dos veciños. Moito se lle debe a este catastro!!

Comentabanos Suso ao principio da conversa que “o proceso de constitución dunha comunidade de montes é moi complexo, Pero hai cousas que se conservan nas casas que son incribles, hai copias daqueles interrogatorios que se lles facían aos veciños (para facer o famoso catastro do que falabamos)”.

Lulo (o can) acompañábanos cos seus ladridos na conversa, semellaba que algo nos quería contar xa que o facía con moita insistencia. Logo vese que se lle pasou e acompañounos durante todo a conversa como un novo amigo máis.

E asi foi, en parte, a nosa conversa con Suso.

@montenoso: Dende cando estades constituídos?
Suso: Dende o 2007.

@montenoso: Sí sí eso vimos en internet, na sentencia do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2007/20070626/Anuncio224F2_gl.html
Suso: Sí, foi un proceso complexo…

@montenoso: Tedes falta de xente ou estades todxs?
Suso: Non todos os veciños participan, estamos a menos do 50%. A culpa tívoa o municipio nese aspecto, había xente que pensaba que ao ser comuneiro se estaba enfrentando co alcalde que temos agora, que puxo todos os recursos, seis polo menos. Moitos veciños pensan que están mellor fóra da comunidade.

@montenoso: Como foi o proceso de constitución do monte?
Suso: Pois empezamos no 2002, empecei eu, seguindo os marcos legais que establece a lexislación, primeiro recollendo firmas dos veciños, e documentando a información da que dispoñíamos. Sobre as sinaturas, pois o que quixo firmou e anotouse no rexistro de comuneirxs.

E antes do 2002, como se xestionaba?
“O monte estaba consorciado co municipio. Viña xa de 1964 o consorcio, a xestión levábaa o ICONA, e ao concello lle daban unha parte dos beneficios que puidese dar a tala de árbores, mais daquela o que había eran pastos, o monte sí que estaba limpo”. A isto, a nai de Suso asevera e lembra como teñen cambiado os tempos e os significantes dos lugares e espazos, como o monte tiña unha significación daquela e como este sufriu un proceso de resignificación motivado polos cambios que foron introducidos por aqueles enxeñeiros/xestores/políticos. Alí collían o molime, o toxo, “que mal facían collendo os toxos”, se pregunta Suso. “O monte no franquismo estaba pechado aos veciños, que case nin podían entrar alí, era un coto exclusivo do ICONA”, afirma o presidente da Comunidade Veciñal do Monte en Man Común de Torres-Vilamateo.

“Conseguimos que nos declarasen como monte veciñal en man común no segundo intento; xa nos oitenta loitouse por esa declaración, mais non se conseguiu daquela. Naquel intre, a administración exisiu unha serie de documentos. Vamos, que empregou a burocratización para non dar o monte aos seus veciños”

Este monte destaca por ser unha comunidade moi nova, constituída como tal no 2007, e por ter unha relación de certa dependencia coa administración. Antes do 2007 a xestión recaía no concello de Vilarmaior coma intermediario da Xunta, e actualmente, o monte está conveniado coa Xunta de Galicia.

Antes tiñan un consorcio, agora teñen un convenio.

O monte veciñal en man común de Torres e Vilamateo para poder cesar o convenio tería que “deixar as contas a cero”. Aí remataría este convenio. Polo momento, a Xunta límpalles as pistas e encárgase dos cortalumes.

@montenoso: E actualmente cal é o uso principal do monte?

Suso: Pois o uso principal é o forestal. A forestal fixo un traballo bo facendo pistas e cortalumes. Hai un plan de xestión, e a administración plantou pino radiata, xa que á Forestal non lle gustan os eucaliptos, que eu non estou contrario aos eucaliptos. Mais hai moito pino enfermo…

Campo de fútbol

@montenoso: e agora tedes beneficios co monte?

Suso: En breve farase unha subasta dunha madeira. Mais polo do momento o monte non é rendible economicamente falando, aínda temos moito traballo por diante. E hai que ver ata que punto nos interesa seguir co convenio coa Xunta.

Ao coñecer que tiñan o monte conveniado, quixemos saber o por que deste convenio, cal é o motivo polo que unha comunidade decide perder parte das súas funcións en detrimento da administración. Ante isto, Suso coméntanos que en realidade se equivocaron, “pensamos que a administración ía ter outro talante, que ía ser coma un árbitro. Houbo algunhas adxudicacións directas a algunhas empresas coas que non estivemos dacordo”. O problema dos convenios é que hai que poñer as contas a cero, para poder cesar o convenio, eles o que fan é calcular os custes que tiveron, as intervencións realizados e habería que pagárllelo”.

“Estabamos moito mellor sen a administración no monte” recalca Suso no medio da conversa.

Semella que os veciños esperaban moito máis da administración e a realidade é outra. O normal sería que a administración botase unha man, e en palabras do presidente da comunidade de veciños do Monte Grande, non se trata só dos políticos, senón tamén de moitos funcionarios que fan ver que o veciño que vai alí estorba, coma se non fose a súa función a de axudar ao cidadán. Ai, moito hai que cambiar, pensamos todas neste momento.

Transcorre a conversa, xa levamos preto dunha hora, e Suso coméntanos que o convenio determina que a Xunta debería implementar o Plan de Xestión, e o único que fixeron foi facer os cortafuegos mais deberían ter plantado máis árbores no monte. “Eu tiña moitas esperanzas de que viñera un técnico e fixera un bo plan de xestión, e o que fixo foi unha chapuza, cobrou unha subvención da Xunta e xa está. O monte, en Galicia, hai que ordenalo, ver como é o sustrato, a pendente…”
Cando lle preguntamos a Suso como lle gustaría que estivese o monte agora, respondeu “máis plantación. Silvicultura. Máis ordenamento para que se puidera limpar”.

E de onde vén o teu interese no monte veciñal?:

A isto respondeunos que el era concelleiro no concello de Vilarmaior e vía como se vendía a madeira do monte, “me doía no corazón como algo que era dos veciños era mal vendido, o concello só recibía o 40 % e o resto para a Xunta, daquela era lamentable que algo que era noso… era unha pena. E díxenlle ao alcalde que “se ese terreo fora seu non o malvendería como fixo co monte veciñal”.

Outro dos grandes temas cando falamos da terra, é o relacionado coas lindes. No caso do Monte Grande, hai unha pedra que delimita ben tanto o límite do concello de Vilarmaior co de Monfero, como o linde do monte comunal. Semella coma un tótem, esa pedra que conta cun significado máis alá da delimitación das terras; é algo máis, coma si de algo sagrado se tratase.

Marco deslinde do monte comunal

Na charla semella ás veces que estamos a falar dunhas prácticas de resistencia activa fronte a esa demolición do común que vén dada non só dende o capitalismo senón tamén dende a propia administración. Suso practica esa praxe de resistencia fronte a este enemigo que reprega as súas forzas non só mediante os cartos, senón tamén a través desa burocratización.

É preciso que a administración tome conciencia da necesidade de colaborar coas comunidades locais nas xestións dos bens comunais. O proceso burocrático é complexo para quen non estea afeito a estas cuestións, e por iso a administración debería entenderse como unha entidade facilitadora na consecución dos obxectivos destas comunidades. O fío temático na nosa conversa con Suso foi a total ausencia das administracións no devir do monte veciñal.

Días despois decidimos concertar unha cita co alcalde. Atendeunos no salón de plenos. Carlos Vázquez, que así se chama, é un dos alcaldes máis votados de toda Galicia. Basicamente, contounos o seu punto de vista sobre o monte veciñal. Poderiamos resumilo en que hoxe a relación coa comunidade do monte veciñal é nula. Como alcalde e como comuneiro.

A comunidade de montes do Monte Grande ou tamén chamada de Torres e Vilarmaior é unha comunidade feble que precisa dun periodo de maduración, e ha de aumentar o número de comuneirxs. Cómpre fomentar a participación social, aumentar a transparencia mediante os recursos dixitais e (re)pensar a relación coa administración local, se é que iso é posible, claro.

Has one comment to “A soidade ante a administración”

You can leave a reply or Trackback this post.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.