Mediando comúns entre a creación contemporánea e os montes

O pasado venres 27 de xuño participamos no  V Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica da Universidade de Vigo que tiña como lema: “Propostas agroecolóxicas ao industrialismo: recursos compartidos e respostas colectivas”. Dende montenoso participamos coa palestra: Mediando comúns entre a creación contemporánea e os montes.

Deixámosvos aquí un resumo da nosa palestra:

TAGS
Montes Veciñais en Man Común, artes, natureza, coñecemento, transferencia, transdisciplinariedade, redes, comúns, feminismos, hiperlocal, sustentabilidade,
deceleración, alternativas, transmisión xeneracional, conflitos, enunciación.
(Re)pensar e (re)actualizar os discursos en torno ás comunidades [os seus mecanismos, dinámicas praxes, logros…] é un exercicio de compromiso coa realidade. Rachar cos discursos homoxeneizantes que obvian ás comunidades e aos comúns é unha nova (ou non tanto) loita comuneira.

Os comúns, e nomeadamente os Montes Veciñais en Man Común, son facedores de posibilidades e de futuros, e son parte da nosa cultura ao igual que a arte, ao redor da cal tamén se artellan comunidades de creación, de soporte mutuo e de acción colectiva. É preciso, pois, mediar conexións entre axentes diversos e activar estratexias de contaxio e transferencia.

Montenoso_sementando comúns

Montenoso é un proxecto de creación colaborativa e aberta. Baséase nas redes p2p, na cultura open source, e en prácticas colaborativas descentralizadas de apoio mutuo. Ten dinámicas asemblearias propias de movementos coma o 15m, o transfeminismo ou o activismo queer. A nosa rede atinxe a colectivos e plataformas do país e de fóra de Galiza, na lóxica de compartir liñas de acción, metodoloxías e forzas; e son tanto comunidades de montes, como asociacións de veciñxs, colectivos ou institucións culturais que defenden/fan mancomún.

Montenoso é un proxecto copyleft aberto á participación que emprega licencias creative commons. Pódese acceder libremente ao proceso de traballo, editar toda a documentación xerada e abrir novas liñas de acción a través dos pads (documentos colaborativos de traballo online), organizados por temáticas, (ecoloxía, feminismos, lexislación, narrativas, historia(s). Tamén se pode acceder ás actas das reunións, así como aos documentos que se foron xerando. As accións, os textos xerados e o seu código están abertos a ser empregados en outros eidos e outros contextos.

Sachamos dende a colaboración porque entendemos que é preciso que este proceso se constrúa de forma común e se dea na transdisciplinariedade. Procuramos o traballo coa intelixencia colectiva, ao xeito do que se manifesta, por exemplo, no mantemento de saberes relacionados coa etnobotánica ou no intercambio de sementes non debe ter marcos, nin cancelas.

Un dos obxectivos principais do proxecto é facilitar espazos de enunciación de coñecementos locais e persoais sobre os Comúns e en concreto sobre os Montes Veciñais en Man Común. Segundo Arturo Escobar “o coñecemento local é un modo de conciencia baseado no lugar, unha maneira lugar-específica de outorgarlle sentido ao mundo” (2000, 125,). É por este motivo polo que impulsamos unha plataforma online que contén unha cartografía, unha wiki, relatorios das xornada no monte.., ou desenolvemos instalacións artísticas e publicacións en revistas culturais, políticas ou filosóficas.

O estudo de coñecementos vividos, dende como se artella unha asamblea de montes, como se xestiona o regadío comunal ou como se transmiten as lendas locais, permítenos albiscar eses outros espazos alonxados das esferas do poder, espazos caracterizados pola proliferación de saberes subalternizados. As redes de apoio mutuo, nomeademente as de crianza ou a atención dxs maiores da parroquia que se establecen en comunidades veciñais dos montes en man común fan ver que existen outras formas de socialización non mercantilizadas.

A nosa investigación é hiperlocal. Poñemos o foco no micro e nas súas regras simples, dende o cal se han poder alimentar sistemas máis complexos, que se basean na interacción, o contacto cotiá e a comunicación dinámica entre os seus membros. Procuramos, como sinalaba Steven Johnson, realizar un “seguemento das regras locais e independentes de calquera instrución dun nivel superior” (2004,19).

Dende as investigacións sobre a complexidade coincídese en que as regras simples poden levar ás comunidades a condutas moi complexas e organizadas baseadas na emerxencia. Pensamos que o poder das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común radica na capacidade de presentar batalla a unha rede distribuída como é o capitalismo global, pola capacidade de converterse, como indica Johnson, (2004) nunha rede tamén distribuída.

Mais alén da capacidade destas comunidades na construción de espazos alternativos, somos conscientes de que o conflito está presente, ben sexa coa adminstración, entre veciñxs ou con industrias; así como en prácticas caciquís das propias Xuntas Reitoras. Procuramos por tanto non caer na idealización, máis entendemos que o conflito forma parte das relacións sociais e da vida. Como ben afirman dende o Colectivo Situaciones ” todo ideal (…) está máis ao carón da morte que da vida. O ideal amputa a realidade, á vida. O concreto -o vivo- é parcial e irremediablemente inhaprensible, incoherente e contraditorio”.

Ao intentar visibilizar esas comunidades, esas redes de apoio, o que buscamos é abrir os comúns ao debate, ir en contra daquelas tendencias que procuran un novo enclosure dos comúns. Dicía Guatari que a “tentativa de control social, a través da produción de subxectividade a escala planetaria, choca con factores e procesos de resistencia considerables” (2005, 60), aos que chamaba revolución molecular. Queremos facilitar que estes grupos manteñan esa liberdade de vivir os seus propios procesos; e manteñan a capacidade de ler a súa propia situación e aquelo que pasa ao redor. “Esa capacidade é a que lles vai dar un mínimo de posibilidade de creación e exactamente vailles permitir preservar ese carácter de autonomía tan importante” Guatari (2005, 61)

A modo de conclusións

Así pois, é a partir da creación contemporánea como o proxecto toma forma e se manifesta en prol da visibilidade e a capacidade de creación dos Comúns. Un Común non só entendido como o “que é de todxs” senón como un medio heteroxéneo onde xerar coñecemento(s) compartido(s), onde os contextos dicotómicos (campo- cidade, local- global, off- online…) se dilúen, e os saberes traspasan realidades, flúen e conflúen a través das múltiples e variadas realidades.

Dalgunha maneira experimentamos novas prácticas epistémicas entendendo que si é posible pensar en alternativas a este sistema composto por elites extractivas e que, quizais, moitas destas alternativas se poden atopar no saber facer destas comunidades e nas súas microutopias.

 

Referencias

COLECTIVO SITUACIONES. Sobre el Militante Investigador.
http://eipcp.net/transversal/0406/colectivosituaciones/es

ESCOBAR A. (2000) “El lugar de la naturaleza y la naturaleza del lugar: ¿globalización o postdesarrollo?” en E. Lander (comp.) La colonialidad del saber: eurocentrismo y ciencias sociales. Perspectivas latinoamericanas . Pp 113-143. buenos Aires: CLACSO

GUATARI, F., ROLNIK S. (2005). Micropolítica. Cartografías del deseo. Madrid. Traficantes de Sueños.

JOHNSON, STEVEN. (2004). Sistemas emergentes. O qué tienen en común hormigas, neuronas, ciudades y software. Madrid. Fondo de Cultura Económica. Turner

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *