Montenoso nas xornadas Traxectoria dos montes comunais galegos: a súa consideración como recurso produtivo, ambiental, paisaxístico e de calquera outro tipo

O día 29 de setembro Vanesa Castro estivo representado a montenoso nas xornadas Traxectoria dos montes comunais galegos: a súa consideración como recurso produtivo, ambiental, paisaxístico e de calquera outro tipo, no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
A participación tivo lugar no marco da mesa redonda coa que finalizaban as xornadas: Propostas para a posta en valor dos montes veciñais.
Presentada e moderada por María do Mar Pérez Fra, a mesa estaba formada por:
Alfredo Pereira. Presidente de Organización Galega de Comunidades de Montes.
Carlos Morgade. Presidente de Iniciativa Comunales.
Vanesa Castro López. Montenoso.
Carlos González Andrés. Xefe do Servicio de montes veciñais en man común e estruturas forestais.

 

Podes acceder na web do evento a todos os documentos e materiais de apoio que presentamos as persoas relatoras. Entre eles, as imaxes da presentación de montenoso: http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2017_montescomunais_vanessacastro.pdf

Destacamos o documento presentado por Carlos Gónzález, con datos e estadísticas da Xunta sobre as CMVMC: http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2017_montescomunais_carlosgonzalezandres.pdf

Na mesa, presentamos as propostas nas que montenoso estamos traballando agora.
Neste link, a partires do minuto 46, podes ver o video da mesa redonda:

Na canle de youtube do Consello da Cultura Galega podes ver todos os videos que subiron das xornadas.

Por razóns diversas -entre as que figuran os graves problemas ambientais, a revalorización da vida rural e a expansión e influencia dos movementos ecolóxicos, que impulsaron novas olladas históricas sobre o aproveitamento dos recursos naturais- o interese polo estudo e adecuada gobernanza dos bens comunais aumentou moito nos últimos tempos. Neste contexto, Galicia constitúe un exemplo extraordinario. Até principios do século pasado, tres cuartas partes da súa superficie estaban ocupadas por montes que, se durante séculos non fosen xestionados polos veciños de aldeas e parroquias de maneira eficiente, acomodando os seus usos aos cambios que se ían producindo no complexo agropecuario, non conservarían, na meirande parte dos casos, o seu carácter comunal.
As mudanzas foron radicais no último século: os procesos de privatización, de “estatalización”, a repoboación forestal e “devolución”, a “revolución verde”, as diversas e graves consecuencias do despoboamento e abandono do mundo rural, as necesidades dunha axeitada ordenación do territorio que debe considerar integrar os usos do monte, a nova valoración da paisaxe como patrimonio (que en boa medida recupera ideas de Otero Pedrayo e da xeración Nós) que vai unida a miúdo a procesos de apropiación cultural e que obriga a considerar o monte, e en xeral o territorio, como arquivo da memoria das comunidades que se sucederon no seu control, aproveitamento e transformación. Estes e outros cambios parecen razóns poderosas que aconsellan facer unhas reflexións e debates que, a partir das ensinanzas do pasado, aborden, entre os varios problemas, a situación presente dos montes veciñais desde unha perspectiva pluridisciplinar para analizar os seus usos reais e potenciais, ou sexa, as experiencias e as oportunidades de cara ao futuro no uso dos recursos; as boas prácticas e non tan boas na súa xestión, as consecuencias do abandono das aldeas e o tratamento do monte nas políticas de ordenación do territorio que han de procurar a conservación do medio e a protección da paisaxe como un elemento fundamental do patrimonio cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *