Nun clic no monte de Vincios!

CartogarfíasSensibles

 

Imos ó monte, máis destavolta dende o cuarto propio conectado. O enderezo http://vincios.org/ lévanos ó site de Cartografías Sensibles, un proxecto online e tamén offline que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Énchesenos a vista cun collage de imaxes que nos levan a navegar entre os termos comunidade, patrimonio inmaterial, actividades, monte, patrimonio material nun exemplo da potencialidade de cartografía social, crítica, subxectiva. Visitamos dende o Curro da Serra do Galiñeiro, a Festa de Santa Mariña ou achegámonos á figura popular da Vella.

Cartografías Sensibles é un proxecto rico, de doado acceso e que nos ofrece múltiples posiblidades, dende planexar rutas de sendeirismo, visualiza-los muiños da zona xeoposicionados, ou aprender sobre a tradición popular en torno ó monte. Conectamos plenamente coa transmisión do monte coma unha realidade en tempo presente, na que se superpoñen as memorias dun espazo de mutación, de acción, de futuro.

Aquí algunhas chaves para entender mellor o proxecto. Topámonos nun clic por Vincios, disque!

 

En qué consiste o proxecto?

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

Quenes o promoven?

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios é a impulsora do proxecto Cartografías Sensibles. Conscientes da ameaza que supón o descoñecemento dos valores da Serra do Galiñeiro, a CMVMC de Vincios aposta con este proxecto pola divulgación do patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico, histórico e identitario da parroquia de Vincios e os seus montes. Coa colaboración de historiador@s, espeleólog@s, montañeir@s, biólog@s, enxeñeir@s, canteir@s, pastor@s, agricultor@s, músic@s, amantes da natureza e veciñ@s. A aplicación foi desenrolada por Pumpún Dixital e Castro Designers coa coordinación de Joana Covelo Alonso.

Cales son os posibles usos do monte que se amosan na aplicación?

A riqueza natural do noso monte fainos identificar ríos, penedos, covas e tamén proxectos que teñen que ver co aproveitamento dos seus recursos: plantacións de castiñeiros, carballos e pinos; zonas de pasto para o gando; cultivo de cogomelos; produción de mel… A idea é amosar a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer.

Que impostancia lle da á dimensión inmaterial do monte?

A música, as lendas, as tradicións, os oficios, as crenzas ou a fala forman parte dun patrimonio que, a pesares de non ser tanxible, é reflexo da nosa identidade cultural e social. Estamos a falar de mouras e bechas; de canteiros e costureiras; dos nomes dos camiños e das pedras; do Brión e mais a Gharza…

De que materiais se nutre este arquivo documental?

Durante a realización do proxecto, o equipo encargado de documentar os contidos elaborou un catálogo virtual sobre un mapa que xeolocaliza preto de 200 entradas nas que se atoparán 368 fotografías, 109 microtopónimos, 22 vídeos, 180 minutos de entrevistas, 329 km de rutas, 38 hectáreas de proxectos impulsados pola Comunidade de Montes de Vincios. Tamén un incalculable número de textos que recollen o coñecemento de varias xeracións de veciños implicados e sensibilizados co seu entorno… 

Que papel xoga a comunidade no proxecto?

A través das asociacións de veciños, culturais, deportivas ou da Comunidade de Montes, os veciños traballan en acadar obxectivos que repercuten na vida de todos. Ademais das asociacións, un dos pilares da vida en común dos veciños é a música. Tradicionalmente a parroquia foi terra de músicos e sigue a selo nos nosos días: a banda, os gaiteiros, as cantareiras, grupos de baile, a rondalla e as charangas son bo exemplo da riqueza musical dunha parroquia onde é difícil atopar unha familia sen algún músico entre os seus membros. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *