Terceira sesión Hibrilaldiak. Xogando a “Montes de Hierro en Común”

O pasado 15/09/2016 tivemos a terceira sesión do proceso hibrilaldiak.
Comezamos facendo un rápido repaso ás xornadas anteriores a modo de recordatorio e posta ao día das dúas persoas que non estiveron anteriormente.
Despois do precalentamiento, fomos directos ao xogo "Montes de Hierro en Común".
O xogo está desenvolvido e explicado no documento https://montenoso.titanpad.com/122

Consiste en experimentar a organización e xestión en común da Via Verde Montes de Hierro. Sitúa ás participantes en hipotéticas circunstancias , nas que han de decidir o grao de implicación, a repartición de roles no grupo, o modelo de xestión, os proxectos prioritarios para a vía, etc.

Co xogo tratamos de fomentar:
- A socialización: o apoio mutuo e a relación en termos de igualdade. Non se trata dun xogo competitivo, senón cooperativo.
- A toma de conciencia e responsabilidade: ao longo do xogo, as participantes enfróntanse a decisións que levan ás súas correspondentes consecuencias.
- A capacidade de traballo en grupo e toma de decisións.
- A capacidade de improvisación e resolución de problemas, pois se basea en expor situacións que han de ser resoltas.

As participantes son : a persoa game master e as xogadoras. A game master, directora de xogo, ou narradora O seu papel pode entenderse como o de árbitro ou guía encargada de presentar ante o resto das xogadoras os retos, obstáculos e resultados. Crea a base da historia e coñece o desenlace da narración, así como os posibles camiños que as xogadoras poden elixir. As xogadoras Cada persoa xoga representando á entidade/equipo ao que pertence, pero todas xogan como parte dun mesmo grupo. Son un único equipo formado por distintos axentes, o grupo xestor da Vía Verde Montes de Hierro. O modelo de organización vaise definindo na toma de decisións das diferentes xogadas. Teñen que cooperar e tomar decisións en común para alcanzar os seus obxectivos.

Os elementos do xogo son:

O taboleiro. É un mapa xigante da Vía Verde impreso no chan dunha sala.

Os Dados. Achegan a parte de azar que hai na resolución de toda acción que suceda no mundo do xogo. En xeral a directora de xogo pode pedir ás xogadoras tiradas de dados para resolver accións.

Fichas:
Fichas amarelas: recursos económicos.
Representan o diñeiro contante e sonante, serven para comprar fichas doutras cores.

Fichas azuis: infraestruturas (para o turismo no caso da Via Verde).
Na vida real supoñerían Áreas recreativas, Rutas acondicionadas, Hoteis, Casas Rurais ou Restaurantes. Trátase de espazos e servizos vinculados ao turismo, que xa existen ou que se desexa que existan.
Sitúanse no taboleiro.

Fichas verdes: capacidade de coordinación e xestión.
Supoñen tempo para xestionar, capacidade organizativa e cohesión do grupo dinamizador ou órgano xestor. Traducido á vida real serían persoas dedicadas a traballar no órgano xestor.

Fichas rosas: bens sociais e culturais.
Supoñen creación e actualización do patrimonio cultural (material e inmaterial) e unha maior cohesión e sentimento de identidade entre as persoas que habitan a comarca.

A apartir destes elementos e premisas desenvólvese a narración.
Podedes ver os distintos "camiños narrativos" que desenvolvemos para esta ocasión no documento https://montenoso.titanpad.com/122 , liña 94.

E iso foi o que fixemos o resto da sesión... xogar, xogar a xestionar a Vía Verde Montes de Hierro.

Tras finalizar a partida, fixemos unha pequena sesión de avaliación, e estas son as observacións e frases que destacamos:

Incluírse en Hibrilaladiak_ [a decisión de participar]:
Unha boa ferramenta para coñecerse, poñerse en contacto e comezar algunha iniciativa.
Visualizar que é un proxecto complicado, pero que ao mesmo tempo é: unha ilusión, unha responsabilidade e unha necesidade.

En canto ao xogo e ás dinámicas utilizadas nas anteriores sesións_[o camiño]:
O xogo fixo que nos metamos no proxecto, que nolo tomemos en serio.
Encaixou perfectamente a realidade do grupo e os proxectos que tiñamos en mente.
"O xogo foi divertido, serviunos moito"
As diferentes sesións servíronnos para ordenar as ideas e visualizar os problemas.

Como nos vemos como grupo _[o espello]:
As necesidades de cada axente son distintas, e tamén son distintas as súas implicacións.
Non somos capaces de materializar ningún proxecto.
Necesitamos facer reunións con objectivos concretos e cumprilos.
Hai falta de compromiso entre os distintos axentes.

En canto aos resultados_[as aprendizaxes]:
Temos un novo obxectivo: Facer grupo, a procura de compromiso e a implicación de cada axente.
Vemos a necesidade de mellorar na coordinación e axuda en xestión e organización.
A vontade é máis importante que o diñeiro.
Temos que acordar un proxecto entre todos os axentes e levalo a cabo.

O vindeiro xoves 29 de setembro faremos a presentación de todo o proceso en Donostia.

Outras entradas de montenoso no proceso hibrilaldiak:

- Probando o xogo "Montes de Hierro en común"
- Segunda sesión Hibrilaldiak
- Comezamos coas sesións Hibrilaldiak

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *