Un novo paradigma

Shiva3

Estado Indio de Uttar Pradesh, anos 70

Un grupo de mulleres opuxéronse a tala masiva de árbores abrazándose a eles. Foi o que se coñeceu como movemento Chipko (en hindi significa abrazar). Con esta acción, de resistencia non violenta, pretendían parar o aproveitamento comercial e indiscriminado dos bosques comunais por parte de grupos alleos á comunidade.

No 1980 conseguiron que o goberno indio aprobara unha moratoria de 15 anos á tala de árbores de bosques do Himalaya.

Kenia, 1977

O Comité de Medio Ambiente e Hábitat e o NCWK (Consello Nacional de Mulleres de Kenia) puxeron en marcha unha campaña para plantar árbores, cuxo nome “Harambee” significa “todos a unha”.

Esta acción foi a semente do Movemento Cinturón Verde, unha ONG cuxa principal actividade e a plantación de árbores a escala local na totalidade do territorio nacional.

Galicia, verán de 2013

Un verán máis os montes galegos volveron arder (uns 10.000 árbores no mes de agosto). Todo parece indicar que este ano, como os anteriores, a temporada de choivas aparcará a imperante necesidade de políticas sustentables en materia forestal.

Tres exemplos da relación da comunidade coa súa contorna natural. Fronte ao inmobilismo da sociedade galega, a aposta pola creación de zonas verdes en Kenia como medio para loitar contra a desertización do pais ou a defensa do monte comunal en Uttar.

Estas tres realidades sérvenos para reflexionar sobre o papel da Comunidade na defensa e no coidado dos bens comúns:

Por que arde o monte en Galicia? Por que as políticas forestais inciden na loita contra os incendios e non na prevención? O monte é de todas/os e/ou de ninguén? Ardería o monte se existira unha cultura do “común”, de “valorización do propio fronte ao alleo”? Como repercuten as políticas forestais en homes e mulleres? Teñen presenza as mulleres nas Comunidades de Montes? Participan mulleres e homes por igual na toma de decisións con respecto ao monte comunal? Como mudar estas circunstancias?

  • Fronte ao inmobilismo, o pesimismo e o derrotismo imponse a necesidade de acción, o optimismo e a innovación, o pensar a realidade desde unha nova perspectiva.

  • Fronte ao individualismo e o corto prazo imponse a cooperación e o longo prazo.

  • Fronte a consideración do ser humano como ser superior da natureza imponse a natureza como un ente do que a muller/ o home son unha peza máis.

  • Fronte ao capitalismo neoliberal, a acumulación de riquezas e o abuso dos recursos naturais imponse a economía das necesidades e un uso racional, xusto e igualitario dos mesmos.

  • Fronte a plantación de árbores alleas, tal como o eucalipto, e a asunción de políticas forestais impostas, sen ter en conta a realidade local, imponse o cultivo de especies autóctonas e un modelo de (auto)xestión sostible e sustentado nas particularidades do territorio.

  • Fronte a un modelo dicotómico (muller -natureza- vs home- cultura-) e patriarcal de dominio e consideración de simples mercadorías (non só os elementos naturais senón tamén ás mulleres) imponse cuestionarse o traballo “invisible e non remunerado das mulleres, de cara ao seu empoderamento e o reparto xusto e equitativo na toma de decisións e no acceso aos recursos.

Xa que logo, buscar respostas a estes interrogantes implica observar e analizar todos e cada un destes items de xeito interrelacionado, pois os uns están intimamente ligados aos otros. Un (re)pensar que non necesariamente ten que partir de abaixo- arriba (das Comunidades á administración) pero si que debe ter en conta a Estas e buscar a súa implicación, compromiso e participación -tanto de mulleres como de homes- para que haxa un traballo continuo que se adecúe, se adapte e mude ao tempo que o fan as circunstancias. Un reto nada doado pero imprescindible para aproveitar (sen esquilmar) os recursos (materiais, enerxéticos, humanos) cos que conta o territorio.

Artigo escrito por Eliana Bouzas @valgeli

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *