CMVMC O Raño

Veris foto2

 

O pasado luns 14 de Xullo visitamos a CMVMC O Raño, situada nos Altos de Verís, no concello de Irixoa. O monte veciñal separa os concellos de Monfero, Aranga e Irixoa. Alí encontrámonos con José Ángel, membro da Xunta Reitora e experto coñecedor dos montes da zona. Aínda que naceu nunha parroquia veciña, casou nos Altos e sinte estes montes tan seus como se alí nacera.
“A min sempre me gustaron moito os sitios altos e o monte, será porque nacín nel”.
Fomos dar unha volta polos montes en mancomún.
Xuntos percorremos todo o contorno do monte veciñal, mentres nos contaba a historia e particularidades propias deste monte.
El está na xunta reitora. A actual xunta reitora leva catro anos.
Antes, estiveron de xuízos por problemas internos. Uns 30 anos de liortas. O problema era que os que eran comuneiros, non querían admitir a novos comuneiros. Había veciños que querían ser comuneiros e non podían, pois os que estaban pensaban que o monte era seu, … e listo. O problema está solucionado. E todos, os de antes e máis os de agora, conviven con normalidade. A Xustiza deulles a razón e entraron novxs veciñxs como comuneirxs.
Agora son 20, máis ou menos. Quen ten casa, vive no lugar, e quere ser comuneirx entra na comunidade.
Moitxs comuneirxs, delegan o seu voto nunha persoa máis nova da casa, normalmente fillxs, xenro, nora. A maioría pasan dos 40 anos de idade.
Hai unhas 5 mulleres comuneiras. Normalmente porque son as fillas, as que ficaron na casa familiar. Os máis novos axudan nas tarefas concretas, cando fai falta. Por exemplo, cando hai que mover aos cabalos dun sitio a outro.

 

veris cabalos eolicos

 

O aproveitamento do monte.
Teñen eólicos, o que supón unha fonte de ingresos para a comunidade. Falando sobre estes ingresos, disque “Aínda non sendo malo, podía ser mellor”. Outro punto que ven como positivo de ter eólicos, e que persoal da empresa manteñen os camiños que van polo alto do monte.
O orgullo desta comunidade é a fraga. Teñen unha fraga maxestosa, con castiñeiros e carballos. E con todo o que isto leva consigo, en canto á riqueza da fauna ou de cogomelos.
A fraga representa moi ben o espírito do monte veciñal. É o monte que se herdou dos ancestros, no que a ninguén se lle ocorre intervir por exemplo con talas ou reforestación, pois ha de ser o legado para comuneirxs das xeracións vindeiras.
A fraga é pois o corazón deste monte veciñal. E vaites co corazón!

 

Veris panorámicaX

 

Ademais teñen pastos e gando cabalar que pace nestes pastos. Teñen poucas bestas, pois non lle ven moita rendibilidade. Ademais teñen o problema dos lobos. Disque cada vez hai menos monte, polo que os lobos van onde poden, ao pouco monte que queda.
É destacable a fauna que alberga a fraga: cervos, corzos, xabarís, teixugos, lebres, perdices e coellos. De aí o uso cinexético do monte, tan arraigado nesta comunidade. A maioría dos comuneiros son cazadores.
Ademais dos pastos, hai terreos máis rochosos e plantacións de pino pinaster e radiata, aínda que este monte para produción forestal non é moi bo. Xs comuneirxs quéixanse da calidade dos pinos plantados polo ICONA hai 30 ou 40 anos.
“Medra moi pouco a madeira”
Non teñen eucaliptos, e recentemente plantaron e entitouraron algúns carballos.

 

 

Veris poza IMG_3982

 

O monte ten moi pouca agua. Teñen dous mananciais cos seus depósitos, en parte para garantir a auga para as bestas.
Un destes depósitos, moi guapo e con auga clariña e fresca, é aproveitado pola rapazada para bañarse nos días de verán. Ao carón, unha fonte “cunha auga moi boa”. Pois, rica estaba. O outro xa non está para bañarse porque ao ser máis profundo é máis perigoso, o teñen pechado.
A relación desta comunidade co propio concello de Irixoa é boa. O concello lles limpa algunhas pistas. Ademais, a escola unitaria gracias a un obradoiro de emprego do concello foi arranxada e agora é o local para a xuntanza e reunión dxs veciñxs e comuneirxs.
Apenas teñen relación con outras comunidades, e non pertencen a ningunha mancomunidade ou organización. Falan con comuneirxs de comunidades veciñas; mais queda niso, nalgunhas falas.
En canto ás asembleas e organización interna, entran na dinámica normal de calquera comunidade. Xúntanse moitas veces, máis alá das asembleas convocadas. Problemas internos apenas hai.
Se cadra ten que ver con que estes veciñxs aínda manteñan o costume de compartir outros traballos e tarefas comúns. Por amizade e proximidade, uns se axudan aos outros.

 

Veris Jose Anxel IMG_4015

 

Escribe un comentario

Your email address will not be published.