Cos pés na Terra da CMVMC de Herville

Por @Petapouca.

Despois de ter xa visitado unhas cantas Comunidades de Montes, e aínda cando o desatendemento por parte das Administracións adoita ser un lugar común para todas elas (non abraia, non indigna, asúmese coma normal), sempre hai casos especialmente flagrantes coma o da comunidade de Herville, no concello de Mos.

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Herville, aldea da parroquia de Cela: unhas 96 Has. de monte das cales máis da metade son monte baldío, constituída legalmente no ano 1981, aínda cando permaneceu en estado de abandono durante máis de 20 anos; hai menos dunha década que a veciñanza decidiu convocar a Asemblea para elixir unha Xunta Reitora que xestionase a recuperación do seu monte.

Esta iniciativa, loable por parte da veciñanza, non tivo, non obstante, a recompensa que se podería agardar: unha serie de malogradas plantacións e a procura infrutuosa dunha fonte de ingresos dentro dos recursos do monte rematou por esmorecer os folgos dunha Asemblea que percibe arestora o monte coma unha fonte de problemas, gastos e perdas.

As derramas asumidas polas propias comuneiras e comuneiros de Herville non puideron suplir, dende logo, a falla dunha tradición na xestión do monte que xa outras comunidades da contorna adquiriran dende a clasificación dos montes a partir dos anos 70. Pero non sería este o maior atranco para unha xente disposta a aprender se non carecesen do máis elemental asesoramento e apoio de estudos técnicos axeitados, asesoría legal ou un plan de ordenamento e finaciamento suficientes, por falar soamente das cuestións máis urxentes.

Esta condena á precariedade e ao desánimo non pode considerarse inocente despois de tantos anos de políticas desacertadas para o monte e para o rural. As Comunidades de Montes son tratadas polas Administracións coma estorbos para propósitos máis espurios, e así o perciben as propias comuneiras e, sobre todo, ás Xuntas Reitoras que teñen que lidar de xeito cotián coas numerosas -e en ocasións sibilinas- pexas que se lles poñen. O desatendemento por parte das Administracións, nomeadamente da Xunta, dos deberes que a sociedade lles ten encomendados pon en cuestión a súa utilidade: cada vez que rexe os recursos que todas pagamos, cada vez que ignora as necesidades das comunidades, os seus problemas e os coñecementos que posúen sobre o propio medio que habitan e cada vez que unha Comunidade de Montes ve o que é de seu coma unha carga ameazante por mor de carecer dun asesoramento básico.

Se botamos unha ollada cara atrás, cara o noso pasado; unha ollada cara os lados, cara as experiencias doutras sociedades semellantes; podemos estar seguras que ao botar a ollada cara adiante, cara o noso futuro, comprenderemos nidiamente que a resposta ao problema ecolóxico e a parte do problema que sofre o rural está nas nosas comunidades de montes que, no seu papel de custodia do territorio, garanten a sostibilidade da nosa sociedade. Ninguén que non comprenda isto pode tan sequera enxergar unha solución para os problemas presentes e vindeiros da sociedade galega.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.