Cos pés na terra da CMVMC de Teis

teis01
O caso da Comunidade de Montes de Teis é dignamente salientable por dous motivos: a perspectiva ecolóxica que aplicou na xestión do seu monte de xeito pioneiro dende a súa constitución no 1998 e os continuos litixios xudiciais nos que se veu envolta para defender a súa concepción do monte veciñal; un monte con vocación conservacionista e social.

 

Para que un monte periurbano asediado polo desenvolvemento urbanístico atrapallado, como é o caso do monte veciñal de Teis en Vigo, consiga manterse con vida no ano 2014, fai falla unha gran compresión das circunstancias e unha grande afouteza para non decaer no esforzo -inmenso- que o traballo depara. A Comunidade conserva, despois das trabadas afincadas pola cidade, unhas 50 Has. pelexadas a cotío para poder desenvolver unha visión do monte que queda recollida nos seus estatutos e que paga a pena citar polo innovador do enfoque.

 

teis01_retocada
Vista satélite de Teis e os seus montes (Imaxe cedida pola C.M.V.M.C. de Teis)

 

O texto amosa a súa preocupación pola sostibilidade, a ordenación e explotación planificada e a recuperación do monte autóctono galego:

 

Tendo en conta o estado actual, os aproveitamentos que tradicionalmente se viñeron realizando serán enfocados dun xeito racional e sostíbel para o monte, aplicando criterios de aproveitamento ecolóxico, didácticos e de recollida de froitos de xeito ordenado e racional, indo máis alá de criterios puramente económicos. Terase en conta sempre a grande presión social que existe arredor do monte e a súa pouca superficie, o que obriga a facer del un verdadeiro exemplo de recuperación do monte autóctono galego, baixo a simbiose home-monte. […]

 

Estes Estatutos configuran o marco legal para establecer o futuro dos nosos montes, sempre coa finalidade de priorizar o equilibrio ecolóxico e medio ambiental, tomando como modelo para imitar o “bosque galego” por consideralo o máis propio dado a súa historia e peso específico dentro da nosa comunidade autónoma. Deste xeito potenciarase plantar especies autóctonas, fomentando de xeito especial a diversidade dentro deste grupo e buscando xeitos de financiamento que non se contradigan con estes preceptos. […]

 

Art. 26. – O aproveitamento do monte para fins forestais só se producirá se é imprescindíbel para o mantemento da comunidade; […]
Art. 60. – Non se contemplan como aproveitamentos por ser incompatíbeis e ser contrarios á actitude de recuperación e conservación do monte os seguintes:
a) A caza
b) Arrendamento de pastos de xeito intensivo e masivo
c) Arrendamento de canteiras e similares
d) Cesións que supoñan a instalación de edificacións permanentes en solo forestal.
e) Competicións deportivas que non respecten o medio
f) Calquera tipo de aproveitamento que se considere incompatíbel coa recuperación do monte, tendo en conta as súas circunstancias actuais.

 

Hai que chama-la atención sobre o difícil equilibrio que deben procura-las comunidades de montes entre a sustentabilidade e a rendibilidade que lles permita o cumprimento dos seus obxectivos ou simplemente, en moitos casos, a supervivencia. Esta procura da rendibilidade conduciu a moitas comunidades a reproducir os esquemas do pasado e, perante a aparente falla de alternativas, seguir co cultivo de grandes extensións de piñeiro e eucalipto que ten colonizado xa boa parte da paisaxe galega.

 

O modelo desenvolvido en Teis, ben adaptado ás súas circunstancias e contorna, persegue a reinversión no monte do 100% dos seus ingresos, renunciando a formas de explotación que supoñen boa parte dos beneficios noutras comunidades, e apostando pola recuperación da biodiversidade. Grazas ao voluntariado e a colaboración con Greenpeace levaron a cabo plantacións de castiñeiros, carballos, acivros, cerdeiras, nogueiras, bidueiras, estripeiros… que viñan substituír especies invasoras, nomeadamente, eucaliptos e acacia; elaboraron unha senda botánica e están a traballar na recuperación dos hábitats da vacaloura e da salamandra rabilonga, converténdose deste xeito nunha valiosa contorna para a educación e o recreo. O interese da comunidade por divulgar os beneficios da biodiversidade, do respecto ao medio ambiente e a necesidade de manter a herdanza que supoñen as comunidades de montes en man común para a súa custodia cadran ben coa súa orientación ecolóxica.

 

Se ben nos estatutos a comunidade declara a incompatibilidade das instalacións permanentes coa súa visión do monte, as diferentes Administracións teñen levado as súas accións por camiños ben diferentes ás intencións daquela: concello e ministerios teñen obsequiado xenerosamente a comunidade de Teis cun parque zoolóxico, varios campos de fútbol, unha autoestrada (a Autoestrada do Atlántico) que secciona os montes da súa parroquia e outras varias instalacións de desfrute municipal. Os litixiosorixinados por estas expropiacións e ocupacións ilegais pódense seguir aínda na prensa local, a cal recolleu tamén o precedente conseguido pola comunidade cando o TSXG lle deu a razón na sentenza do 19 de maio do 2009 sobre a propiedade da Madroa e facilitou, como relata a avogada Cristina Bugarín, as reivindicacións posteriores doutras comunidades. Neste senso, Teis tampouco é unha excepción ás malas prácticas desenvolvidas polas Administracións que neste caso, coma en tantos outros, usurpan terreos, desprezan as partes interlocutoras, dificultan a súa xestión e mesmo a súa supervivencia.

 

No ano 2011, declarado Ano Internacional dos Bosques pola ONU, Greenpeace presentaba os resultados conseguidos en Teis despois de 12 anos de coidados baixo os auspicios da súa campaña Echando raíces, a cal perseguía demostrar, a través de pequenas experiencias de reforestación con árbores autóctonas, que a rexeneración era posible. Neste ano 2014 ADEGA presentou a súa campaña Cousa de Raíces que, con máis que 40 colectivos adheridos, vén demostrar que o compromiso coa recuperación do bosque autóctono segue a se consolidar paseniñamente. Experiencias coma a da Comunidade de Montes Veciñais de Teis demostra que existe en Galiza unha diversidade de montes e de comunidades suficiente para dar acollida a diferentes proxectos capaces de achegar valor, riqueza e oportunidades aos nosos montes e, en consecuencia, ao noso rural.

Download the PDF file .

Estatutos da CM de Teis

 

///////////////////////////////////////////

WEBGRAFÍA:

O Monte da Madroa volve ser propiedade veciñal (Vieiros, 29/05/2009)

Programa socioeducativo e medioambiental nas aulas (Plan Comunitario de Teis, 2011)

12 años echando raíces 1999-2011. Proyecto de recuperación de la cubierta vegetal en A Madroa (Greenpeace, 15/06/2011)

Greenpeace y los comuneros de Teis presentan el resultado de la recuperación del bosque autóctono (Ecoticias, 18/06/2011)

Comunidade de Montes de Teis: Comunicado (VGO Magazine, 27/01/2012)

Comuneros de Teis reclaman en el juzgado el pago de A Madroa (La Voz de Galicia, 22/11/2012)

Bagaje profesional con los montes vecinales en mano común (El entorno jurídico de las Comunidades de Montes Vecinales en Mano Común, 30/08/2013)

«Recorreremos a última sentenza», afirma o presidente da comunidade de montes (La Voz de Galicia, 03/05/2014)

Páxina de Teis no web da ORGACCMM

Escribe un comentario

Your email address will not be published.