En O Carballo sábenche facer ben as cousas.

Unha das accións que imos facendo de cando en vez é a visita a comunidades de montes, para nós son os grandes momentos do proxecto. Ter ese tempo pausado, para falar de vagar e compartir inquedanzas das realidades concretas e aprender como as diferentes comunidades son quen de ir xestionando os seus recursos.
A través destas visitas, que denominamos Cos pés na Terra, imos coñecendo polo miúdo a que dificultades se enfrontan, que retos teñen ou de que maneira as veciñas e veciños son quen de tecer toda unha serie de normas para garantir un uso sostible do monte.

Nesta ocasión tivemos a oportunidade de coñecer á comunidade do Monte do Carballo en Friol (Lugo). Foi un 16 de maio, víspera das Letras Galegas e alí atopámonos con José Manuel, enxeñeiro forestal e presidente da comunidade, Lito, vicepresidente e entusiasta do monte, e con outrxs moitxs comuneirxs cos que compartimos un roteiro cheo de comúns.

Esta visita non era a habitual, pois desta vez presentabamos a nova web de montenoso. Un gran día, xa que levabamos moito tempo traballando na nova web, sobre todo Pablo e Andrea. Precisabamos unha nova forma de visualizar toda a información que o proxecto foi desenvolvendo ao longo destes tres anos. E que mellor espazo que unha comunidade dun monte veciñal en man común para presentar a nova web? E así, no centro social desta comunidade, fumos mostrando as novas potencialidades da web e sobre todo a cartografía, que amplía as funcionalidades e mellora a usabilidade.

"Pois veña a camiñar" comentaba unha das veciñas de O Carballo, e alí comezamos un roteiro cos comuneirxs e veciñxs que durou todo o día. dende o curro onde fan cada ano a rapa das bestas, ate chegar de novo ao centro social. Alí fixemos pausa e descanso para comer, e logo continuamos de roteiro ate a área recreativa onde cada ano fan a festa do comuneiro.
O monte ten 716 hectáreas, vamos, que pequeno non é. Xa camiñando, Jose Manuel íanos contando de que maneira están revalorizando os recursos dos que dispón o monte, procurando acadar a multifuncionalidade que o monte sempre tivo.
Andivemos sobre uns 30 km, así que o día deu para falar moito.

Polo monte adiante puidemos ver as bestas ceibes, que semellaba que querían conversar con nós, mais eran prudentes, nin moi preto nin moi lonxe. Estaban onde tiñan que estar.
Ao momento vimos as colmeas, terán arredor dunhas 40 colmeas.
Entre piñeiros falamos das cousas da vida, non todo vai ser soamente do monte, a situación do rural, a alimentación, as tradicións, o futuro, a emigración, a situación laboral...
Seríamos aproximademente 20 persoas que fumos percorrendo o monte. Algunhas veciñas era a primeira vez que o paseaban. Algunhas das persoas que nos acompañaban non eran comuneiras, mais era unha boa excusa para coñecer o monte e toda a vida que o envolve.

Fumos visitar as 7 fontes que nacen no monte mancomunal e abastecen a varios nucleos cercanos.
No video podedes escoitar a historia en voz de Lito.

Baixando un bo anaco visitamos un Pazo cunha leira espectacular, cunhas árbores e cun regato que o atravesaba...! Un pequeno paraíso.
E de súpeto chegamos á explotación de porco celta. Conta cun inxenioso sistema de apertura e peche de portas e de reparto de alimentación e con cámaras que van controlando todo, que permite que practicamente todo sexa autónomo, e así os porcos poden disfrutar dun amplo terreo no que estar. Unha boa forma de aproveitar o monte. Están preocupados polo lobo mais o sistema que teñen cren que dificulta que este poida entrar a facer das súas.

Ademais dos recursos que están valorizando, tamén son conscientes da necesidade de tecer comunidade, e que mellor forma que a través da festa. Se hai algo que une é a comida e iso sabémolo ben todxs. Así que organizan unha festa unha vez ao ano con xogos populares, baile e sempre acompañdos dalgún licor... Que non falte!
E se semellaba que con iso xa era suficiente, pois non... tamén impulsaron unha rapa das bestas, fixeron o seu curro e agora teñen outra festa máis; que aos poucos vaise convertendo nunha data sinalada na axenda das festas do país.

Fotografía de Pulpería Taboada via facebook

Para coñecer os eventos que organiza esta comunidade podedes acceder á web da asociación Carballovivo: http://www.mvmcdecarballo.es/ , onde proporcionan tamén toda la información sobre o seu monte.

Tamén publican as suas novas en facebook https://www.facebook.com/carballo.vivo

Portada revista asociación CarballoVivo 2009.
Cartel anunciando a Rapa das Bestas.
 

O día ía rematando, camiñamos dabondo, mais contentxs de ver como ao final se hai folgos, hai bos resultados. E que exemplos como o de Carballo non son unha excepción. E que si, amigxs, as comunidades dos montes veciñais en man común son todo un exemplo do que entre todxs somos quen de facer.
Seguimos ate a próxima. Xa estamos cavilando en máis proxectos que facer xuntas, esto é so o inicio dun camiño por percorrer.
Ah! e ficamos moi agradecidxs polo xantar, o queixo, o churrasco e as empanadas, estaban espectaculares.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.