• RT @diarioliberdade: Aumenta atés 10 número de mortes nos incêndios de Portugal, 3 na Galiza: eucaliptais descontrolados por trás do desast…
  • RT @defensadaria: As causas son ben sabidas, como expresa aquí @OBichero, mais pasan os anos e en lugar de atallalas a Xunta agrávaas coa s…

O 21 de xuño terá lugar o Obradoiro de ficción Proxecto Cárcere en man común

Hai algún tempo escribiu Amador Fernández Savater no xornal Diagonal un artigo que titulaba La República del 99%, nel convidaba a “Xa non indignarse, reaccionar ou demandar, se non actuar como se a República do 99% fose unha realidade, combatr ao poder ignorándoo, non seguir as súas regras, senón inventar as nosas”. Que podería significar isto?

A partir desta idea propoñemos o Obradoiro de ficción Proxecto Cárcere en mancomún. O que pretendemos é traballar unha ficción posible. En moitas ocasións, dende Montenoso dicimos que os comúns son facedores de posibilidades e de futuros; polo que debemos ir facendo/pensando/construíndo estes novos futuros, estas posibilidades. Para iso propoñemos este obradoiro, no que poder ir pensando como se podería construír e xestionar esa institución cultural en mancomún.

Situémonos. Por un lado temos os montes veciñais en man común, que como ben sabemos son espazos de socialización. Contan cunhas características propias, baseadas na gobernanza, na xestión duns recursos a través dunhas comunidades, que son as propietarias destes montes, polo tanto un caso máis de comúns.

E por outro lado temos o Proxecto Cárcere, unha plataforma que procura transformar o antigo cárcere provincial da Coruña, actualmente sen uso, nun espazo de socialización (xa temos un punto en común cos MVMC) onde primen os usos sociais, culturais e educativos e onde a memoria histórica estea sempre presente.

Daquela, nesta idea de procurar outros modelos de relacións, como cremos que ocorre, en moitas ocasións, nos montes veciñais en man común, é preciso procurar, tamén, novos modelos culturais, que vaian parellos ao impulso de outras institucións, aquelo que veñen chamando “institucións do común”. Sobre isto Nicolás Sguiglia en “Una institución anómala” en relación a La Casa Invisible de Málaga dicía que “as institucións do común, (…), estamos poñendo o acento na posibilidade de imaxinar unha produción, xestión e coidado dos bens e asuntos comúns que teña como protagonistas á cidadanía” [ver artigo completo]. Engadimos: e á ruralidade.

A proposta Obradoiro de ficción: O proxecto Cárcere en man común pretende facer pensar como podería ser unha institución cultural en man común, quen serían xs propietarixs? podería ser esta institución inembargábel, imprecriptíbel, indivisíbel e inalienábel? (como son os montes veciñais) ou pola contra non ten sentido isto?

Este Obradoiro procura considerar unha hipótese e traballala, sen mais aspiracións. Se somos quen de ir construíndo estes outros espazos de socialización, perfecto, se non, pois perfecto igual, porque igualmente estamos encarando a posibilidade destas alternativas, que si, irán chegando.

Este obradoiro, organizado polo Proxecto Cárcere e Montenoso, conta coa colaboración da Rede GZ Imaxinaria e terá lugar o sábado 21 de xuño dende as 11:00 as 13:00 h. ao carón da antiga Cárcere, se o tempo o permite, en caso de non poder facerse alí terá lugar na Cafetería La Linterna.

Veste? vai ser un día bonito, ou iso pretendemos :)

Este Obradoiro que se celebra o sábado forma parte dun conxunto de actividades que está a organizar o Proxecto Cárcera, como é a proposta A Coruña Baleira e o I Encontro de Iniciativas de Autoxestión Cidadá que terá lugar o mesmo sábado dende as 17:30, aquí máis información aquí.

3 comments to “O 21 de xuño terá lugar o Obradoiro de ficción Proxecto Cárcere en man común”

You can leave a reply or Trackback this post.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.