• RT @diarioliberdade: Aumenta atés 10 número de mortes nos incêndios de Portugal, 3 na Galiza: eucaliptais descontrolados por trás do desast…
  • RT @defensadaria: As causas son ben sabidas, como expresa aquí @OBichero, mais pasan os anos e en lugar de atallalas a Xunta agrávaas coa s…

Situación actual dos Montes do Cha, Ferrol.

O 8 de Xullo do 2015 coñecimos os Montes do Cha e á comunidade de veciñas de Brión e San Román de Doniños en Ferrol, e coñecimos a súa loita por recuperar os seus MVMC.

Dende entón temos visto como a comunidade segue crecendo e constituíndose. Participamos nun encontro no que proxectaron ideas de multifuncionalidade no seu monte, e conxuntamente organizamos a primeira ocupación activa dos Montes do Cha, na que plantamos árbores autóctonas e tivemos unha xornada festiva no monte. Este evento da plantación de árbores repetiuse este mesmo ano con nenas e nenos da escola.

Dende montenoso seguimos acompañando o seu proceso, e con eles tamén estivemos traballando fai pouco en "O monte no móbil".

Dende as últimas eleccións municipais a veciñanza ficou esperanzada co cambio de goberno e coas promesas dos grupos políticos da cidade de Ferrol. No acordo programático de Ferrol en Común e PSOE recollíase no PUNTO 65: Apoyo a la demandas de la vecindad de Brión y Doniños y constitución del Monte en Man Común Chá de Brión.
As mareas proclámanse defensoras dos comúns, e todo apuntaba a que o goberno de Ferrol en Común faría todo o posible por devolver a propiedade de inmediato á comunidade veciñal. Pero non foi así.

Para coñecer cal é a situación actual dos Montes do Cha, entrevistamos ás partes involucradas e máis a un especialista na materia:

_ Representantes da comunidade veciñal de Brión e San Román de Doniños.

_ O Concello de Ferrol, titular actual dos Montes do Cha.

_ Calixto Escariz, avogado especializado na propiedade en mancomún.

Deixámosvos coas entrevistas e invitámosvos a abrir un debate de opinión nos comentarios deste artigo.

Entrevista ás representantes da comunidade veciñal de San Román e Brión de Doniños.

¿Cal é a historia recente da vosa loita por recuperar o monte veciñal en man común?
Os veciños de Doniños e Brión iniciaron no 2005 a loita por recuperar en man común os montes veciñais do Cha (monte “Brión”.) apropiados polo concello de Ferrol en 1960 para consorcialos co Patrimonio Forestal do Estado, consorcio que foi un completo desastre pois ademais de privar do monte a mais de 200 familias que o utilizaban para o pasto do gando, non logrou nin a mais mínima forestación do monte debido a una xestión torticera e os continuos incendios, e dende entón leva 57 anos sin producir absolutamente nada. Os veciños solicitaron a clasificación do monte pero os gobernos municipais da dereita opúxeronse co fin de recalifícalo para actividades industriais, e conseguiron que o Xurado de montes rexeitara a clasificación aducindo que non se demostraba a utilización actual do monte polos veciños.

¿Como vos pode axudar o concello a recuperar o monte?
O goberno municipal actual, recoñece que o monte é comunal de pertencia inmemorial os veciños de Brión e Doniños figurando como tal no rexistro municipal, e comprometeuse o incio do mandato a regular por medio de unha ordenanza a administración do mesmo polo veciños de Brión e Doniños, pero a realidade é que iso declarouno o alcalde fai dous anos e a ordenanza todavía non se fixo.

Os veciños, ainda que están tratando de recaudar cartos para demandar na xurisdición ordinaria a clasificación do monte, consideran que sería moi útil que o concello promovera a administración do monte polos veciños como se comprometeu, pois elo posibilitaría iniciar xa a xestión e ir adiantando na programación dos montes en tanto non se consigue a clasificación en man común.

¿Que tedes pensado para os montes do Cha se recuperades a titularidade?
En primeiro lugar a recuperación do monte será a reparación de unha inxusticia histórica que foi perpetrada polo concello da ditadura conta familias labregas que prácticamente vivian do monte, as que sumeu nunha miseria ainda mais grave da que xa sofrían, inxustiza que lamentablemente veuse mantendo na democracia por concelleiros irresponsables, volubles e fuleros.

En segundo lugar, recuperar as múltiples posibilidades productivas das 230 ha. de monte en coto redondo, a finca de mais grande extensión do término municipal, totalmente improductiva dede fai mais de 60 anos de que o concello expulsou os veciños do monte, na que se dilapidou unha cantidade inxente de cartos en unha dinámica de plantacións de pinos e sucesivas queimas que viñeron asondado o chan.

O monte debe volver o servizo dos veciños de Brión e Doniños como veu sendo dende tempo inmemorial ata a nefasta incautación. Pero as necesidades agora son outras, os aproveitamentos que debe aportar o monte xa non poden ser so a gandería e o estrume da economía de subsistencia doutros tempos, pero tampouco a nefasta forestación que torpemente se pretendeu impoñer e que converteu esos montes no erial improdutivo actual.

Agora hai que forestalo o servizo dos veciños do entorno, pero dunha maneira racional, conforme os métodos da selvicultura actual, sostible no tempo, respetuosa cos valores propios do terreo, favorecedora da biodiversidade e contribuíndo a esa gran teima mundial da redución do CO2 responsable principal do efecto invernadoiro.

Para levar a cabo este obxetivo, unha vez clasificado o monte en man común, a Comunidade de Montes Veciñais do Cha promoverá a constitución dun consello asesor especializada en selvicultura e de representantes de todas aquelas entidades promovedoras da conservación e mellora dos valores históricos, biolóxico e de lecer do monte, que defina os criterios que deberá cumprir a explotación: protección dos vestixios históricos, vexetación actual a protexe, tipos de bosque e de arborado a implantar, zonas de capacidade visual, rutas de paseo. áreas de estancia e uso recreativo colectivo etc.. a fin de que esa gran extensión de monte ( 230 ha.) que son os montes do Cha, se convirta nun bosque forestal complexo, un ecosistema no que confluían armónicamente, valores naturais, culturais, ecolóxicos e paixasísticos, e sexa o mesmo tempo xenerador de bens e de servizos e integrador da veciñanza do entorno na súa xestión.

Entrevista ao Concello de Ferrol.
Responden Rosa Méndez e persoal técnico da Concellería de Medio Rural.

¿Podedes explicar por que na actualidade, a titulariade dos Montes do Cha pertence ao Concello de Ferrol e non á comunidade veciñal de San Román e Brión?
Porque a titularidade dos Montes está relacionada co dictame emitido polo lexislador de turno, no que o concepto legal que se barallou foi o de que: “Todo monte comunal é de titularidade municipal”.

¿Existen datos que verifiquen a orixe dos montes do Cha como Monte Veciñal en Man Común?
O órgano competente, Xurado Provincial de Montes, dictou resolución no seu momento na que se negaba aos Montes do Cha o carácter de Man Común.

¿Cal é a situación actual dos Montes do Cha? Que tedes proxectado?
O Goberno actual tivo sempre o desexo de darlle a este tema algunha resolución provisional namentres non se acadase a definitiva, apoiando aos veciños/as nas súas demandas, e entendendo que podería existir algún resquicio legal que, sen vulnerar a sentenza do Xurado provincial de Montes, lles facilitase a xestión dos Montes de Cha.

Trala petición a un técnico municipal do corresponde Informe sobre a situación da propiedade e a súa xestión, coñécese -por primeira vez despois de tantas décadas!- que a xestión dos montes lle corresponde á veciñanza. Isto ven dado, segundo dito Informe, por unha lagoa no procedemento: “... xa que se levou a cabo a exclusión do catálogo de montes, pero non se tramitou procedemento algún en materia de desafectación, o monte en cuestión é un ben de dominio público”.

En resume dito Informe ben dicindo o seguinte:

. O monte en cuestión mantén o seu carácter de ben comunal que tiña con anterioridade á súa catalogación.

. Como ben comunal a súa explotación e aproveitamento correspóndelle aos veciños.

Unha vez obtido este Informe, e comunicada inmediatamente a información do mesmo aos membros da Asociación Montes Veciñais do Cha, encargouse dende o Concello elaboración dun Plan de Xestión, coa fin de colaborar cos veciños/as e facerlles máis doado o procedemento (solicitude de xestión e presentación do Plan) que terán que levar a cabo nos organismos correspondentes.

¿Que apoio está ofrecendo o Concello á comunidade veciñal no proceso de recuperación do seu Monte Veciñal en Man Común?
A postura deste Goberno, dende o minuto cero, foi a de apoiar aos veciños/as nas súas reivindicacións, do mesmo modo que buscar algún resquicio a través do cal (entrementres non se resolva ao seu favor o tema da titularidade) poidesen convertirse nos xestores dos Montes do Cha e apoialos tamén na parte técnica/administrativa previa a dita xestión, algo que xa se plasmou no Plan de Xestión que quedou finalizado neste pasado mes de agosto.

Entrevista a Calixto Escariz.
www.calixtoescariz.com

¿Hai datos que verifican a orixe dos montes do Cha como MVMCs?
Non existe dúbida da titularidade colectiva ou veciñal en man común dos montes do Cha. Seguiron o itinerario histórico propio desta forma colectiva, isto é, consta o seu aproveitamento inmemorial polos veciños, a súa titularidade colectiva histórica, razón pola cal llos atribuíu o Concello sinalando como título de propiedade a posesión inmemorial dos veciños.

¿Podes explicar brevemente por que na actualidade a titulariade dos Montes do Cha pertence ao Concello de Ferrol e non á comunidade veciñal de San Roman e Brión?
No proceso de devolución da titularidade dos montes aos veciños a comunidade veciñal atopouse coa oposición do Concello que ante a expectativa dunha actuación urbanística dos devanditos montes entorpeceu e impediu o proceso de clasificación dos mesmos. A Comunidade non dispón dos recursos económicos necesarios para afrontar o procedemento xudicial que lle permitise recuperar a propiedade dos seus bens.

Sabemos que a comunidade veciñal de San Román e Brión leva anos loitando por recuperar os seus montes ¿Cal é a situación actual dos Montes do Cha? ¿Que negociacións hai na actualidade entre a comunidade e o Concello de Ferrol?
A miña opinión é clara, está probada a titularidade veciñal dos montes (está amplamente documentada). Non existen dúbidas legais de que os montes aproveitados historicamente polos veciños son propiedade veciñal en man común.

Segundo a miña opinión o Concello debería recoñecer sen controversia dita titularidade veciñal en man común no procedemento xudicial ou a súa reclamación previa evitando que a Comunidade tivese que afrontar cuantiosos gastos. Por desgraza a situación é outra ben distinta. O Concello non recoñece a titularidade á Comunidade de Montes (seguindo o criterio dos seus informes técnicos e externos) e só propón aprobar unha ordenanza que regula o uso dos montes polos veciños.
Na miña opinión outra inxerencia porque a regulación dos aproveitamentos só corresponde aos veciños.

¿Como se solucionaría este conflicto entre o Concello de Ferrol e a comunidade veciñal? Que podedes recomendar para cada un deles?
A solución tal e como comentei é ben sinxela. A documentación do asunto é clara á hora de acreditar a titularidade do monte. A lei e a xurisprudencia son claras á hora de recoñecer a titularidade veciñal en man común e non pública deste tipo de propiedades. A acción para reclamar os montes é imprescriptible, polo que algún día a Comunidade de Montes terá os recursos económicos necesarios para poder expor esta controversia no xulgado e sen dúbida obter a razón.
O Concello ten na súa man evitar a demora na resolución do conflito e no recoñecemento da titularidade veciñal en man común evitando confrontación no devandito procedemento (o que abarataría enormemente os custos).
Pode apoiar a súa decisión en informes de persoas externas de recoñecido prestixio nesta materia, como o profesor Jesús Balboa da Universidade de Santiago, Facultade de Xeografía e Historia, ou calquera outro ao que lle queira pedir unha ditame sobre o asunto que lle permitirá unha compensación máis precisa e servirá de base para a súa decisión.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.