Visita á CMVMC de San Antón Irixoa

IMG_4113O 14 de Xullo do 2014 quedamos para pasar a tarde con Marga, ex-secretaria da Xunta Reitora da CMVMC de San Antón, en Irixoa. Comezamos a tarde na zona recreativa do monte de San Antón, recentemente talada e desbrozada polos comuneiros, onde hai unha capela e un espazo de lecer con mesas e bancos. A capela é na honra de San Cosme e San Damián. Cosme é o nome dun touro que teñen no monte, e Damián se chamaba outro que morreu hai pouco. No momento no que a entrevistamos, Marga era aínda unha das tres mulleres da Xunta Reitora, a cal levaba un ano e tres meses de percorrido.

IMG_4043A auga
A auga é o recurso máis importante deste Monte. É alí onde nacen as traídas que abastecen non soamente aos comuneiros, senón a varios núcleos de outras parroquias. É por iso que coidan moito manter a calidade da auga, pois é a agua que beben; e combaten aquelas prácticas que poidan alterar a súa calidade, como son os cultivos intensivos, usos de herbicidas e xurradas sen control. Teñen mesmo rexeitado arrendar o monte para implantar cultivos intensivos de millo, en parte por ser transxénicos; e tamén polo uso que fai da terra os cultivos intensivos. Isto é algo que teñen moi claro: o valor da auga do monte é o valor máis respeitado polxs comuneirxs. De feito, moitxs comuneirxs desta CMVMC forman parte tamén unha comunidade de augas.

IMG_4676Sobre xs comuneirxs
En Mántaras hai dous núcleos de poboación que forman parte da Comunidade: Mántaras e Cela. Nos últimos anos viñeron catro familias a Cela e unha a Mántaras, polo que contan con comuneirxs novxs sendo actualmente 58 comuneirxs. Nesta comunidade podes ser comuneirx se vives aí, e teñen tamén unha cláusula para incluír como comuneiras ás persoas que teñen especial relación coa parroquia, sempre que estean empadroadas e frecuenten a sua casa na parroquia. As persoas do lugar que queren ser comuneirxs teñen acceso inmediato, facendo a solicitude que é aprobada na seguinte asemblea ordinaria, pero non teñen dereitos a beneficio ate o primeiro ano como comuneirx. O 40% son mulleres. A porcentaxe de xubiladxs é dun 30%. Pode ir calquera da casa ás reunións ou asembleas representando á persoa comuneira.

Marga é positiva en canto ao relevo xeracional “o proxecto enteiro do monte está pensado para que perviva para as seguintes xeracións“.
A comunidade esixe a asistencia obrigatoria ás asembleas xerais e ás tomas de decisións grupais. Se non acodes tes unha sanción. Tamén tes a obrigatoriedade de participar nas “Quendas de vixilancia“, tres veces ao ano por comuneirx. Estas consisten en facer certas tarefas de vixianza e mantemento do monte e das actividades que se desenvolven nel.
Tivemos unha interesante charla con Marga sobre o tipo de xestión asemblearia e como a xente participa ou non nas asembleas. Que tipos de asembleas se convocan, que linguaxe e protocolos úsanse; e como de entretidas, dinámicas ou cansiñas poden chegar a ser as asembleas.
Teñen aberto un correo de propostas para que xs comuneirxs propoñan cousas. Tamén falamos con Marga de como as novas tecnoloxías facilitan o traballo e a coordinación grupal/comunal, e como estas aínda non están sendo explotadas polas CMVMC. Un dato curioso é a diferenza entre a votación a man alzada e a votación secreta. Teñen experimentado os dous tipos de votación sobre a mesma cuestión acadando resultados moi diferentes. O medio de comunicación máis usado é o”boca a boca na fonte dos muíños“. Usan tamén o correo postal e o teléfono, pero non usan mail nin internet. Fai uns anos tiveron actividade nun grupo en facebook, pero agora xa non.

 

Sobre a Xestión

O principal gasto desta Comunidade é pechar os prados para o gando. Os ingresos veñen mediante subvencións da PAC (A Política Agraria Común da UE)  e da venda de becerros. Actualmente non teñen beneficios económicos para repartir, todo se inverte en manter o monte e o seu gando. Marga comenta que a burocracia para acceder á subvención da PAC é cada vez máis complicada, xa que tes que ir incluíndo cada parcela, unha a unha, coas súas coordenadas e o debuxo correspondente no SIXPAC. Hai parcelas moi pequenas e difíciles de separar no conxunto dun mesmo monte.

Traballan cunha xestoría á que lle pagan aproximadamente uns 400 € ao ano, a través do  Sindicato Labrego, o cal lles asesora nalgúns procesos; e teñen un convenio coa Xunta polo que supostamente esta realiza os tratamentos selvícolas reflexados no Plan de Xestión (O documento técnico que regula as transformacións, melloras e aproveitamentos agrícolas, pecuarios ou forestais do monte veciñal), con plantacións de Pinos (non hai eucaliptos) para madeira e celulosa. No  momento da entrevista a Xunta non tiña aínda pagado o importe da PAC  do  ano 2013. Ainda hoxe no fin do 2014 seguen sen cobrar e sen saber o motivo deste retraso. Isto supón unha falta de liquidez para poder afrontar os pagos e o mantemento do monte, algo ao que están obrigadxs.

Marga avoga pola transparencia dos procesos e das contas na súa comunidade.

IMG_4066Actividades no monte

En canto á caza, o TECOR societario de Irixoa son quen aproveitan os recursos cinexéticos dunha parte do monte. O gando bovino e cabalar son a actividade principal. Acaban en carne para consumo uns 70 becerros ao ano. O que a eles mesmos lles asegura consumir tenreira de calidade. Daquela se pode entender o cariño que teñen polo seu gando.

IMG_4095Dentro do plan de ordenación tiñan proxectada unha repoboación con especies autóctonas que incluía unas sendas peonís, así como facer unha fonte no lugar da capela e máis un muriño para protexer o espazo dos coches que  entran a facer trompos ao redor da capela.

IMG_4045A Xunta decidiu non facelo por falta de orzamento, a pesares de estar incluído neste plan de ordenación. Máis tarde xurdiu a proposta dende o GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural, unha asociación sen fin de lucro constituída polo un conxunto de institucións públicas e entidades privadas que desenvolve os programas Leader, subvencionados pola UE) de facelo con outra subvención, mais tiñan que adiantar o diñeiro e a obra sen saber se o proxecto ía ser ou non subvencionado, ademais de que o importe subvencionado sería só ate o 40 %. Os comuneiros non tiveron os cartos para facer tal investimento.

Sobre as mámoas e o patrimonio arqueolóxico no monte.
Hai petroglifos e mámoas pero non están indicados. Aí atrás, xa hai moitos anos, coméntase que a comunidade pediu á Xunta que recuperaran e valorizaran unha mámoa, mais a Xunta non accedeu por consideralo unha inversión moi cuantiosa e carecer de orzamento. Marga quéixase do pouco que se valora este patrimonio e fálanos doutros lugares onde o patrimonio arqueolóxico é aproveitado para dinamizar a cultura e o turismo.

IMG_4084Futuro da CMVMC
Non teñen claro como orientar a súa explotación pola tardanza en dar as directrices dende Europa. E isto está relacionado co futuro da PAC. O que se di é que a nova PAC non vai pagar as vacas “nodrizas”, as da carne. Estímase que o 60% das explotacións de rubia galega van pechar ao desaparecer ese finanzamento. Marga quéixase do reparto da PAC “en vez de pagar a produtividade pagan a superficie” favorecendo os grandes latifundios e marxinando o minifundio galego.
O non ter recibido aínda a axuda do PAC 2013, unido a esta incerteza polo futuro desta axuda, fan que a situación sexa complicada. Os bancos non avalan as CMVMC por ser inembargables, poderían pedir un crédito xs veciñxs como particulares, pero non se plantexou. Daquela non poden asegurar a continuidade do seu gando.
Tendo en conta a situación da PAC e o gando, a opción máis doada para ter algúns beneficios económicos na comunidade podería ser plantar eucalitos ou piñeiros, pero esta opción tampouco poden facela xa que teñen que respectar o plan de Xestión do Monte, que non permite eucaliptos e mantén as zonas de protección paisaxística e agropecuaria, pastos que non se poden converter en repoboacións forestais. Soamente poderían plantar frondosas autóctonas nun 5% dos pastos. (É de agradecer que a Comunidade de Montes aprobara un plan que impedira continuar a plantar eucalitos (pan para hoxe…), un grande avance non facelo!… Outra cousa é como facer para que estas comunidades atopen solucións para teren algúns beneficios económicos… O grande problema do agro en Galicia! .Como crear pequenas redes de venda de gando, agrícolas coas vilas e cidades; crear demanda de boa madeira, cotos de cogumelos,… ideas, claro, que ninguén ten a fórmula máxica!)
A granxa, tal como está, non vai ter futuro”. Marga pensa que a solución é reducir a explotación e orientala cara o autoconsumo, mantendo os pastos, máis con menos vacas. Así poderían contar cos beneficios da PAC, e aforrarían tódolos gastos derivados da venda da carne, como pagar aos empregados, contratos a empresas externas para seguridade, xestoría, estar dado de alta en “Tenreira galega” ou “Cabalo de pura raza”. ( Como teríamos que facer para non ter que depender das PAC para sobrevivir e non pensar solo en autoconsumo se non en ter unha pequena rede que lles permita xerar algúns pequenos empregos…?)

Agradecemos a Marga esta tarde de conversa e toda a info que compartiu sobre a súa comunidade.
Así da gusto coñecer o mancomún.

 

Escribe un comentario

Your email address will not be published.