Visita ás veciñxs das parroquias de Brión e San Román de Doniños (Ferrol)

O luns 18 de Maio do 2015 estivemos visitando a veciñxs das parroquias de Brión e San Román de Doniños, en Ferrol.  Elxs queren recuperar o seu Monte en mancomún. Encontrámonos con Tono, un home duns 80 anos que leva máis de 20 anos loitando por recuperar o monte do Cha, anda pola vida tranquilamente, usa facebook e coñece moi ben a historia dos montes do lugar.
Tamén estivemos co Pedro: O presidente da asociación Montes Veciñais do Cha, creada para acadar a reapropiación do monte. E Pablo: Un rapaz novo que tamén está interesado polo monte. 
IMG_3639 todos X IMG_3647 Tono
O Monte do Cha:
O Cha é o nome do conxunto de montes do cume da montaña entre a entrada da ría de Ferrol e o val de Doniños, cunha preciosa vista da lagoa e da praia de Doniños. 
IMG_3617 praia doniños
Conta cunha extensión dunhas 230 hectáreas. Ten unha altura de 260 metros sobre o nivel do mar e dende aí pódense ver as rías de Ares, de A Coruña, e de Ferrol.
Trátase dunha orografía de meseta en lixeiro embudo cun humedal no centro que fai que sexa o importante acúifero que abastece ás fontes e manantiais en Brión, A Graña, A Cabana, Valón, Doniños, Cariño, San Cristobo e o Castillo. Na parte máis alta faise unha pequena lagoa que determinou o nome de Cha do lago
IMG_3611 X vegetacion IMG_3645 lagoa2
É un monte baixo de toxo, queiroga, abrótegas, e herbas pastizables. Conserva restos de numerosas “mámoas” e tamén quedan no monte moitas rochas que son sinais de que puido ser canteira do Castelo de San Felipe e das antigas baterías de San Carlos, San Cristóbal e Viñas.
IMG_3637 tdos X
Que pasou co monte?
Como explicamos na WIKI, no apartado Evolución histórica do MVMC, durante o Antigo Réxime ate principios do século XIX entre dous tercios e tres cuartos da superficie total de Galicia eran montes de “propiedade veciñal”.
A “revolución liberal” non vai aceptar a forma específica da propiedade veciñal característica de Galicia, asimilándoa legalmente á propiedade pública: estatal e municipal. 
Aínda que esta asimilación non vai provocar cambios na xestión, xa que a debilidade do Estado non permitiu administrar estes montes, si provocará cambios na estructura da propiedade. As comunidades veciñais como resposta defensiva á actitude estatal, individualizaron a propiedade dunha grande maioría dos montes, vía reparto dos mesmos. 
A lei de Montes de 1957 da ditadura fascista atribuiu a propiedade dos montes comunais direitamente aos concellos. Esta lei establecía que debían respetarse os dereitos dxs veciñxs que dende tempo inmemorial viñan aproveitando e usando o monte, mais polo xeral non foi así. 
Amparado nesta lei, o Concello consorciou o monte con Patrimonio Forestal do Estado para a súa repoboación. Daquela comezaron a dificultar o acceso ao monte e prohibiron os aproveitamentos por parte dxs veciñxs (como o pasto ou recollida de estrume), o cal afectou gravemente á economía e á forma de vida destas parroquias que terminaron por abandoar o monte e a vida rural, e mirar cara as industrias da cidade.

Aí chegaron as plantacións de pinos Radiata na zona, que mentres prosperaban nos montes veciños de San Xurxo e Covas non o facían no Cha. Dende que se iniciaron as plantacións o monte estivo controlado pola garda forestal, quen sancionaba xs veciñxs que trataban de facer algún aproveitamento e que controlaba todo uso e traballo no monte. Disque “as mulleres de Brión e Doniños, eran contratadas trapalleiramente polo garda forestal que dirixía e pagaba según lle parecía”.

Despois viñeron os incendios continuos. Queima, planta, queima, planta, e así 30 anos. Unha práctica da que moitas persoas se beneficiaban directa ou indirectamente. Xa nos anos 80, coa chegada da democracia e a lei de Montes Veciñais en Mano Común xs veciñxs de San Xurxo e Covas seguiron cos trámites e recuperaron os seus montes, pero o monte do Cha caeu nunha odisea administrativa.
IMG_3661 zona de lacer
Hai moitos detalles, sobre como non foron capaces de recuperar o monte nesta odisea administrativa, pero principalmente foi pola culpa dun deslinde que deixou parcelas “supostamente” privadas no medio do comunal. Isto trouxo moitas complicacións. E foi dilatando o proceso legal que xs veciñxs iniciaron para recuperar o monte. A isto súmanse os diferentes gobernos e partidos políticos que non foron quen de apoiar con claridade e eficiencia a reapropiación, e que foron usando este tema según lles conva pero sen compromiso.
Quen e para que se usa o Monte na actualidade?
O monte está xestionado polo Concello de Ferrol. Os usuarios actuais do monte son basicamente:
Unha asociación sendeirista de Ferrol, que ten ben sinalizadas unhas rutas nas que fan roteiros. Varias asociacións de hípica, que andan cos seus cabalos polo monte adiante. Os cazadores, que teñen un coto de caza.
Faise unha actividade neste monte todos os anos: A batalla de Brión, que consiste nunha simulación teatralizada daquela batalla entre galegos e ingleses.
IMG_3604 Ruta X
Como está o proceso de reapropiación na actualidade?
Actualmente teñen constituida a asociación para a recuperación do monte.
Teñen contratado un avogado especializado neste tema e están tratando de financiar o proceso legal de reapropiación.
Tono, Pedro e Pablo falan do pouco valor que xs veciñxs dan ao monte, e do pouco entendemento do que significa a xestión en mancomún. 
IMG_3633 monteX
Eles, dende a asociación, fixeran o Libro Negro, que trata de explicar aos veciños todo o proceso polo que se perdeu o monte. Tratan de sensibilizar aos veciños entorno á recuperación do monte.
Parece ser que alguns veciñxs ainda creen que o monte pode ser unha fonte de problemas.
Aínda hoxe hai algunxs que reclaman montes privados dentro do mancomún, e que persisten na idea de recuperalos. Non comprenden que se conseguen re-apropiarse do seu monte en mancomún van ser propietarios/comuneiros das 230 hectáreas e non soamente do que consideran a súa parte.
Que tratamos de aportar dende montenoso?
No día que os visitamos, pola tarde, a asociación pola reapropiación do monte organizaba unha charla en Ferrol, na que convocaba a veciñxs e políticos en precampaña municipal para pedirlles directamente que mirasen para o que é dos veciños e se comprometeran con eles a devolverlles o seu monte. 
Invitáronnos a participar nesta charla. Explicamos o noso proxecto e o que significa o mancomún.
Pedimos aos políticos presentes unha implicación e un compromiso para devolverlle aos veciños o que obviamente é seu.
 
Dende Montenoso propumoslle xs veciñxs que queren recuperar o monte continuar con este proceso de concienciación do mancomún polas parroquias. 
Para iso queremos propoñerlles a re-edición do seu “Libro Negro”.
Tamén falar cxs usuarixs actuais do monte, aos que poderían facerlles unha proposta de uso, mellorando a que lles ofrece o Concello, e traballar con elxs para que xs usuarixs e veciñxs sexan quen de xestionalo.  
Deste encontro xurdiron outras propostas con diversas personas asistentes, como a posible realización de eventos, a ocupación temporal do monte como forma de protesta ou propostas de distribución de información.
 IMG_3722 pancarta

2 comments to “Visita ás veciñxs das parroquias de Brión e San Román de Doniños (Ferrol)”

You can leave a reply or Trackback this post.
  1. La zona de Doniños es una de las mas bonitas de ferrol.
    Organizamos clases de surf alli para las despedidas.

Escribe un comentario

Your email address will not be published.