MVMC

De O monte é noso

Índice

Definición de MVMC

"Son montes veciñais en mancomún e rexeranse pola súa lexislación específica, os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e veñan aproveitándose consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños con casa aberta e con fume" (artigo 14 da Lei de dereito civil de Galiza encadrada no seu Título III, Dos Montes Veciñais en Mancomún)

"Son aqueles montes onde a propiedade e o aproveitamento están ligados á pertenza a un grupo veciñal. É a residencia nun lugar a que outorga a titularidade e non a herdanza ou a venda. Deste xeito se un veciño marcha do lugar titular do monte perde todos os seus dereitos e, pola contra, se alguén abre unha casa, pasa a "ter fume" no lugar, adquire automáticamente os mesmos direitos sobre o monte có resto dos veciños." (David Soto Fernández. Historia dunha agricultura sustentabel. Transformacións productivas na agricultura galega contemporánea)

Características dos MVMC

Carácter exclusivo e intrínsecamente privado

O monte é dos veciños e de ninguén máis. Os montes veciñais, en comunidade romana ou xermánica, perténcelles ós veciños e non a ningún ente público territorial dos aparecidos na Galiza do século XIX, cando ditos montes levaban xa varios séculos de funcionamento.

Titularidade colectiva

O monte pertence a aqueles veciños (chamados comuneiros) con "casa aberta e con fume": é dicir, que moren habitualmente na vecindade, independentemente de se viven en propiedade, arrendamento, cesión ou calquer outro réxime. Disto se desprende que dita propiedade non é hereditaria, se non que se adquire e se perde segundo o uso. Esta é probablemente unha das súas especificidades con maior interese.

A titularidade colectiva atribúeselle á comunidade, integrada polos veciños. A Titularidade é sempre sen cotas de ningunha clase. Un monte pode pertencer a unha parroquia, a un lugar, a dúas parroquias, a dous lugares ou a calquera combinación entre estas opcións.

Comuneirxs

Comuneiros son todas as persoas que residen habitualmente no territorio adscrito o MVMC se así o solicita. Cada casa aberta ("con fume") pode ter un único representante. Así pois, o comuneiro representa a todas as persoas que habitan nesa casa.

"Para precisar o concepto. Poden ser útiles para tal efecto os parámetros seguintes: - Residencia de Feito: A Veciñanza podería ser entendida coma un concepto exclusivamente fáctico, e nunca administrativo. En todo caso, a inclusión nun censo oficial sería un elemento de probanza. - A adquisición da condición de comuneiro polo feito da residencia: non se esixe un prazo previo para formar parte da comunidade, se ben o normal estatutariamente é establecer un número mínimo de tempo tanto para a adquisición coma para ser membro dos órganos de goberno da comunidade. - A indiferenza da profesión de quen ten a condición de veciño. - A vinculación dalgunha forma á casa. O número de membros da comunidade non debería vincularse ao de membros que son veciños, senón ao de casas. De tal forma, que cada casa (cada fume) tivese a súa representación na comunidade, deixando a determinación desta ao criterio da Asemblea Xeral ou á súa fixación estatutaria, acordando as mais delas que tal posto sexa cuberto polo cabeza de familia. - A perda da condición polo feito de deixar de residir. - As circunstancias especiais: terá de terse en conta a situación dos emigrantes que non determina a perda da condición, nin se produce alteración polo feito de que por razóns laborais se abandone estacionalmente o lugar onde radique o monte. -A exclusión da condición de comuneiros, de quen teña unha segunda residencia. Sería interesante utilizar un criterio similar ao da lexislación fiscal (183 días), para efectos de determinar a condición de residente." (tomado de http://www.avogacia.org/w3/article.php3?id_article=421)

Aproveitamento común

O aproveitamento debe ser común, sendo este de carácter consuetudinario "o aproveitamento que consuetudinariamente, de forma inmemorial, se viñese producindo, ben orixinariamente, ben posteriormente de forma continuada".

Os dereitos son xurídicamente igualitarios entre os titulares.

Indivisible

A indivisibilidade deriva do seu carácter de comunidade con propiedade e aproveitamento colectivo e sen que se poidan atribuir cuotas –ideais ou reais- a cada propietario. Todo pertence a toda a comunidade sen división posible, non cabe exercer ningunha acción para dividir o común.

Imprescritible

"ad intra" e "ad extra" da comunidade titular.

A imprescritibilidade tamén cumpre unha función protectora e preservadora dos montes. Ten que entenderse, en primeiro lugar, como referida ós dereitos dos veciños integrantes da comunidade e fronte á mesma: o dereito a formar parte da mesma non prescribe. E ten que entenderse, sobre todo, fronte a terceiros: ninguén pode, por usurpación, chegar a ostentar a condición de propietario de terreos que se demostre pertencían a unha comunidade. Incluso a interpretación xurisprudencial vai mais alá: a imprescriptibilidade ten eficacia retroactiva, non se extingue o dereito dos veciños do grupo comunitario de que se trate, e son inexistentes os negocios xurídicos que implican transmisións de dominio realizados antes da existencia da comunidade titular do monte e, obviamente, sen intervención da mesma.

Inalleable

Desenvólvese en dous ámbitos: no externo, o que supón que o monte non pode ser vendido, nin gravado en beneficio de terceiros; e no interno, xa que non cabe a cesión de cotas ou de participación dun comuneiro a outro, pola razón indicada da inexistencia de cotas nesta forma de comunidade. Polo mesmo tampouco cabe a transmisibilidade mortis causa da condición de comuneiro aos herdeiros do mesmo, salvo que cumpran os requisitos de titulares de unidades económicas con casa aberta e residencia habitual.

Inembargable

Sendo a veciñanza á que outorga a propiedade, claro é que o monte non pode ser deixado en herdanza nin vendido. "A súa regulación xurídica actual é o resultado do labor fundamentalmente da xurisprudencia galega, sobranceando o papel que historicamente desempeñou, e actualmente desempeña, tanto a antiga Audiencia Territorial da Coruña, coma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia." A inembargabilidade responde a unha función protectora dos montes como unha propiedade de orixe histórica que se debe manter e transmitir ás xeracións vindeiras e, a pesar de privada, colectiva, o que a converte, por analoxía e a este tenor, en próxima á propiedade pública, que tamén goza de protección a estes efectos.

Tipos de Montes Veciñais en Man Común

Os Montes Veciñais en Man Común dependen dos habitantes dun mesmo núcleo de hábitat ou de varios núcleos de hábitat asociados. Só o feito de residir no lugar ou lugares posuidores dos montes, a veciñanza, da dereito a participar na explotación do inculto. Podes ser de diferentes tipos segundo pertenzan a un pobo, a unha aldea ou a varias aldeas e lugares.

- Montes de pobos: Antigos montes concellís que escaparon á catalogación. Atópanse no suleste de Galicia. Poden depender dun so pobo, ou a varios pobos da mesma parroquia, sendo en ambos casos un monte parroquial, ou a varios pobos de distintas parroquias, sendo neste caso interparroquial. Están perfectamente delimitados e amolloados.

- Montes de aldea: Son montes que non dependen mais que dunha aldea. Son menos extensos que os de pobos. Poden provir de compras de anacos de inculto da desamortización, de montes dados en foro e o mais habitual e que señan montes de aldea por costume, sen que existisen documentos. Non adoitan estar delimitados moi precisamente.

- Montes de varias aldeas ou de varios núcleos de hábitat de pequeno tamaño: É mais frecuente este tipo cara o norte que no sur.

Marco Xurídico dos MVMC

- Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. (DOG nº 202, do 20-10-1989)

- Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Modo de xestión dos MVMC

A organización das comunidades

As comunidades teñen capacidade xurídica. A comunidade propietaria exerce a administración, desfrute e disposición dos montes veciñais en man común, dentro das prescricións da Lei e do seu regulamento, conforme ós seus propios estatutos, e ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins, incluído o exercicio, tanto na vía xudicial coma administrativa, de tódalas accións que sexan necesarias para a defensa dos seus específicos intereses.

Xunta Provisional

Unha vez firme a clasificación dun monte como veciñal en man común, no prazo de tres meses constitúese unha xunta provisional composta por representantes elixidos de entre os comuneiros e por estes. De entre os vocais, un terá as funcións de secretario e outro de tesoureiro. Funcións da Xunta Provisional. 1.- A Xunta provisional ostentará a representación da comunidade, e terá coma cometidos: Confeccionar, se é o caso, a lista provisional de comuneiros. A elección de órganos de goberno. Impulsa-la redacción e aprobación dos estatutos, para o que terá un prazo máximo dun ano. A xestión e administración do monte veciñal en man común. 2.- O mandato da xunta provisional finalizará, en todo caso, coa aprobación dos estatutos e co nomeamento da xunta rectora, non podendo a súa duración ser superior a un ano. Transcorrido este, procederase a unha nova elección, dirixida pola xunta provisional saínte.

A xunta provisional convocará á comunidade cunha orde do día na que necesariamente deberá figurar: A aprobación da lista definitiva de veciños comuneiros. A aprobación, se é o caso, dos estatutos. O nomeamento da xunta rectora.

Cada comunidade levará un libro de rexistro cos nomes de tódolos veciños comuneiros, domicilio e data de inscrición, un libro de actas que reflicte os acordos, facendo consta-la suficiencia do quórum de asistencia esixido legal ou estatutariamente e as maiorías polas que se adopten os acordos tomadas nas sesións que se celebren, e libros de contas para asentar estas. Calquera veciño comuneiro poderá solicitar certificación dos devanditos libros.

Asamblea xeral

A asemblea xeral ordinaria será convocada unha vez ó ano. Con carácter extraordinario, poderase convoca-la asemblea xeral por iniciativa do presidente da xunta rectora ou por petición dun mínimo do 20% dos comuneiros, e neste caso celebrarase no prazo máximo de dous meses. No suposto de que non se celebre, e por instancia dun mínimo do 20% dos veciños, reunirase a asemblea xeral para toma-los acordos oportunos, incluíndo a remoción da xunta rectora, sempre que se respecten as maiorías que marca a lei.

Estatutos. Contido mínimo: 1.- Os estatutos regularán a acreditación da representación de cada casa, mediante certificación de inclusión no libro de rexistro de comuneiros, así como as condicións e procedemento para causar alta como comuneiro e as obrigas que leva aparellada a devandita condición. 2.- Así mesmo regularán os estatutos: o exercicio dos dereitos dos comuneiros; os órganos de representación, de administración e xestión; a impugnación dos seus actos; a porcentaxe de reserva dos rendementos para investimentos no monte, e a participación nos aproveitamentos dentro dos límites legais, reservando a porcentaxe establecida no art. 23 da lei; e os criterios ós que deberán adecuarse os diversos aproveitamentos do monte.

Réxime das maiorías. 1.- A aprobación, reforma ou revogación dos estatutos, así como os acordos referidos a actos de disposición, correspóndenlle á asemblea xeral, requirindo a convocatoria expresa e o voto favorable da maioría dos presentes que represente polo menos ó 50% do censo de comuneiros en primeira convocatoria e ó 30% na segunda. 2.- Para a aprobación da xestión e balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral será suficiente a maioría simple, salvo que nos estatutos esixa outra maioría.

Os estatutos e as súas modificacións empezarán a producir efectos ó día seguinte da súa aprobación, e remitiranse, para os efectos de coñecemento, ó Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, segundo o disposto no título VII deste regulamento. Calquera veciño comuneiro poderá defende-los intereses da comunidade de montes veciñais en man común, tendo que lle ser reintegrados os gastos que lle ocasione tal defensa, sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola asemblea xeral.

Xunta rectora

1.- O órgano de goberno, xestión e representación das comunidades é a xunta rectora, elixida por maioría simple en votación da asemblea xeral, por un prazo máximo de catro anos. Está composta por un presidente e o número de vocais que fixen os estatutos, nunca inferior a dous, un dos cales deberá actuar como secretario e outro como tesoureiro. 2.- O presidente ostenta a representación legal da comunidade e deberá acredita-la dita cualidade para realiza-los actos de disposición. 3.- A xunta rectora dará conta á asemblea xeral, na primeira sesión que se celebre, dos acordos adoptados. 4.- Cando o número de veciños comuneiros non permita a constitución da xunta rectora conforme ás prescricións da lei e do presente regulamento, asumirá as súas funcións a asemblea xeral da comunidade de veciños.

Mancomunidades de montes veciñais en man común

As comunidades poderanse mancomunar para o mellor cumprimento dos seus fins. O contrato no que se plasme esta comunidade de bens, ou os estatutos da asociación que se cree, e en xeral a fórmula xurídica que se utilice, deberá ser comunicada ó rexistro xeral de montes veciñais en man común a través da sección provincial correspondente, xuntando poder bastante de quen actúe en representación da devandita comunidade.

Outros datos de interese

No monte comunal a lei tamén regula os aproveitamentos. Están regulados os aproveitamentos, en xeral, na súa execución, gravames, aproveitamentos individuais, e reservas.

De tódolos rendementos económicos que se poidan derivar dos aproveitamentos reservarase unha cantidade, que se debe fixar nos estatutos e en todo caso nunca inferior ó 15 % daqueles, para investimentos en melloras, protección, acceso e servicios derivados do uso social ó que o monte poida estar destinado. Se non se comunicase antes, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá solicitar anualmente xustificación do investimento do 15 % citada no punto anterior. A non xustificación citada poderá ser considerada como indicador obxectivo para a declaración de grave abandono.


Evolución histórica do MVMC

A propiedade veciñal dos espazos a monte en Galicia era predominante a finais do Antigo Réximen, chegando a ocupar a comezos do século XIX entre os tres cuartos e os dous tercios da superficie total do país, de acordo coas estimacións máis unanimemente aceptadas.

No sistema agrario tradicional galego a importancia do monte non viña dada porque fose un espazo forestal senón porque o seu papel na provisión de insumos da pequena explotación campesiña era imprescindible, a agricultura e a gandería non podían subsistir sen as aportacións do monte. As súas funcións principais eran a de suministrar a base do abono orgánico que garantía a elevada produción das terras de cultivo verificada nesta época, e a de aportar o alimento para o gando (principal vehículo de entrada no mercado do campesiñado galego). Ocasionalmente do monte obtíñanse tamén colleitas adicionais de cereal, e entre as súas funcións complementarias estaban as de prover de madeira, plantas medicinais, etc ás poboacións rurais. Os aproveitamentos principais manteranse ata o franquismo (aínda que con cambios centrados nunha intensificación dos usos e na extensión dos aproveitamentos forestais).

A revolución liberal non vai aceptar a forma específica da propiedade veciñal característica de Galicia, asimilándoa legalmente (nunha mostra do afán uniformizador da época) á propiedade pública: estatal e municipal. Aínda que esta asimilación non vai provocar cambios na xestión, xa que a debilidade do Estado non permitiu administrar estes montes, si provocará cambios na estructura da propiedade. As comunidades veciñais como resposta defensiva á actitude estatal, individualizaron a propiedade dunha grande maioría dos montes, vía reparto dos mesmos.

So coa chegada do franquismo farase efectiva a expropiación polo Estado dos montes veciñais que sobreviviron ao proceso de reparto, extendéndose unha explotación forestal en monocultivo. Esto provocou unha grande conflictividade social en torno á acción do Estado que, en definitiva, explica que no tardofranquismo e a transición, dérase marcha atrás á indefensión legal da propiedade veciñal coa aprobación de sucesivas leis (1968, 1981, 1989), continuadas por un proceso de devolución da propiedade das terras a monte ás comunidades afectadas.

Este recoñecemento legal dos dereitos de propiedade chégalle a unhas comunidades inmersas nun proceso de transformación acelerada do sistema agrario (que autonomiza as funcións do monte) e nun proceso de rápido despoboamento do interior de Galicia, con poboacións en continua regresión e cun envellecimiento demográfico muy acusado.

A distribución xeográfica dos montes veciñais comprende toda Galicia, aínda que predominando no sur, pero estando representados tamén no norte xunto cos montes de varas. Os montes veciñais son os predominantes na Galicia de principios do século XIX, aínda que esta posición se irá perdendo a medida que avanzaba a individuación de finais do XIX e principios do XX (vía repartición do monte ou vía apropiacións individuais), sendo non obstante aínda unha parte fundamental.

Superficie e Porcentaxe de monte veciñal en man común en Galicia na actualidade. Máis de 640.000 hectáreas, un 33% do territorio galego


A Funcionalidade do monte

A relación entre monte e espazo cultivado era do 70% na Idade contemporánea. Isto non se pode explicar únicamente por razóns edafolóxicas ou climáticas. As funcións productivas do monte eran esenciais para o mantemento do sistema agrario, tanto dende o punto de vista económico como do ecolóxico (o auténtico soporte do sistema) O monte en Galicia non é un espazo natural senón un espazo moi transformado (antropizado) Nin sequera as fragas de bosque autóctono, xa que teñen castiñeiros, que non son autóctonos (son de introducción romana). Nos séculos XVIII e XIX a superficie forestal era escasa. O seu rol era o de fornecer de madeiras e combustibles pero tamén era o de sostén económica das clases mais desfavorecidas do campesiñado. Para o campesiñado en xeral o monte tiña 3 funcións fundamentais: - Fornecer dun complemento de cereal mediante cultivos de rozas intermitentes: as estivadas - Soster a superficie agrícola mediante a obtención de adubos (fertilizantes naturais e abonos): con fentos, uces, carqueixas, xestas e sobre todo o toxo. - Subministrar pastos e forraxes complementarios á cabana gandeira.

O aproveitamento do monte e o acceso social a este non era igualiatario nos montes veciñais xa que non era igual nunha casa con moitas terras que noutra sen elas, nen o van aproveitar igual os campesiños pobres, para os que era esencial, que as familias acomodadas, nin as explotacións cunha vaca que con varias. Así, non todos os sectores sociais se aproveitan del da mesma maneira. Estas necesidades individuais son as que iniciarán no século XIX o seu proceso de disgregación e cambio de titularidade.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Caixa de ferramentas
Outras linguas